Friol celebrará o Samaín cun obradoiro interxeracional o martes e unha xornada de actividades o 31 de outubro

LugoXa | TerraChaXa
Ás 19.45 horas do sábado está prevista a recepción do druída, seguida, ás 20.00 horas, dun percorrido das ánimas pola poboación de Friol
samain-friol
26 Oct 2026

Friol preparará a celebración do Samaín cunha programación que combinará tradicións galegas, xogos populares e actividades para todos os públicos. A iniciativa comezará o martes 27 de outubro cun obradoiro interxeracional organizado por AFALU e continuará o sábado 31 cunha xornada festiva no Castro Friulio, xunto ás piscinas municipais.

O primeiro dos encontros terá lugar o martes, ás 17.30 horas, no Centro Colaborativo de Friol. Baixo o lema A luz da tradición, de xeración en xeración, AFALU organiza este obradoiro interxeracional co obxectivo de xuntar persoas maiores e rapazada para gozar do encontro e manter vivas as tradicións. A participación será gratuíta e non será necesaria inscrición previa.

A programación continuará o sábado 31 de outubro no Castro Friulio. Os actos comezarán ás 17.00 horas coa apertura e o baile de cabazas, para o que se convida as persoas asistentes a levar unha cabaza por neno ou nena. Despois celebraranse o obradoiro Entre Fusco e Lusco, xogos castrexos e contacontos.

Ás 19.45 horas está prevista a recepción do druída, seguida, ás 20.00 horas, dun percorrido das ánimas pola poboación de Friol. A partir das 21.00 horas celebrarase unha pancetada e, ás 22.00 horas, unha chocolatada. A programación rematará coa queimada e o conxuro, ás 23.00 horas, e co peche da celebración ás 23.59 horas.

Os actos do sábado están organizados pola asociación A Castrolela, co patrocinio do Concello de Friol e a colaboración doutras entidades. En caso de choiva, todas as actividades trasladaranse ao pavillón municipal. A organización recomenda que as persoas asistentes acudan caracterizadas e advirte de que os horarios poderán sufrir variacións.

As dúas propostas comparten o obxectivo de manter vivas as tradicións vinculadas ao Samaín e transmitir este legado de xeración en xeración, promovendo a participación e a convivencia entre persoas de distintas idades.

0.15801596641541