Friol celebrará o San Xoán con actividades interxeracionais e unha gran festa popular en Guldriz

LugoXa | TerraChaXa
A partir das 21.30 horas celebrarase unha cea popular, a tradicional queimada e diferentes concursos relacionados con esta celebración tan arraigada na cultura galega
obradoiro-san-xoan-afalu-friol
22 Jun 2026

O Concello de Friol acollerá o vindeiro 23 de xuño unha intensa programación para celebrar o San Xoán, combinando tradición, convivencia e lecer en distintos puntos do municipio.

A xornada comezará ás 17.00 horas no Centro Colaborativo de Friol coa actividade interxeracional San Xoán, tradicións que nos unen, organizada por Afalu Alzheimer. A iniciativa pretende reunir persoas de todas as idades para compartir saberes e manter vivas as tradicións vinculadas á noite máis máxica do ano. Durante o encontro realizarase un obradoiro centrado nas herbas de San Xoán, os contos e as lendas relacionadas coa festividade, poñendo en valor a cultura popular transmitida de xeración en xeración e fomentando o benestar e a convivencia comunitaria.

Xa pola noite, a celebración trasladarase á parroquia de Guldriz, onde terá lugar a tradicional Festa na honra a San Xoán. A partir das 21.30 horas celebrarase unha cea popular no campo da festa cun menú composto por churrasco, criollo, lacón, empanada, café e licores.

A programación continuará coa elaboración da tradicional queimada e diferentes concursos relacionados con esta celebración tan arraigada na cultura galega. Ademais, haberá fogata de San Xoán e un sorteo de agasallos entre as persoas asistentes.

A música tamén terá un papel destacado na noite festiva, que rematará cunha verbena amenizada pola orquestra Panamá e o DJ Segade. Os máis pequenos poderán desfrutar ademais de colchonetas inchables instaladas para a ocasión.

0.12614893913269