Friol dá luz verde ao seu orzamento, que acada os 5,9 millóns de euros, unha cifra récord

O Concello de Friol contará en 2026 cun orzamento histórico de 5.925.000 euros, consolidando a tendencia ascendente dos últimos anos e reafirmando o compromiso do Goberno municipal co progreso, a estabilidade económica e a mellora da calidade de vida da veciñanza.
As contas municipais supoñen un incremento de 1,66 millóns de euros respecto ao exercicio 2023 e de máis de 610.000 euros en relación co ano 2025, reflectindo unha planificación responsable e unha xestión eficaz dos recursos públicos.
O alcalde destacou que “este orzamento responde a unha folla de ruta clara: garantir servizos públicos de calidade, executar investimentos útiles e necesarios e seguir xerando oportunidades para fixar poboación e dinamizar a economía local”.
Neste sentido, o asentamento de empresas e o impulso da actividade económica están contribuíndo a frear a perda de habitantes e atraer novos veciños, un factor clave para asegurar o futuro do municipio.
Reforzo dos servizos públicos e políticas sociais
O capítulo de gasto corrente supera os 3,1 millóns de euros, representando o 52,48% do total do orzamento. Esta partida permitirá reforzar servizos esenciais como o mantemento de vías públicas, o abastecemento de auga e saneamento, a recollida e tratamento de residuos, a limpeza viaria, o alumeado público e o coidado de parques e xardíns.
Entre as actuacións previstas destaca tamén a renovación de parques infantís, cun investimento superior aos 148.000 euros.
As políticas sociais continúan sendo unha prioridade para o Concello, cunha dotación superior aos 1,15 millóns de euros, arredor do 20 % do orzamento municipal. Boa parte destes recursos destínanse ao Servizo de Axuda no Fogar, que atende actualmente a máis dun cento de familias do municipio.
Do mesmo xeito, o Concello reforza o seu compromiso coa educación, a cultura e o deporte, destinando preto dun millón de euros ao desenvolvemento de actividades, eventos e servizos fundamentais para a vida social e comunitaria.
As subvencións directas incluídas no orzamento superan os 150.000 euros e contemplan axudas á natalidade, apoio ao tecido asociativo cultural e deportivo, así como colaboración con colectivos sociais e persoas en risco de exclusión.
Entre estas achegas inclúense tamén liñas de apoio a entidades que traballan con familiares de enfermos de Alzheimer e outros colectivos vulnerables.
Máis de 1,1 millóns para investimentos
O capítulo de investimentos supera os 1,1 millóns de euros e céntrase principalmente na mellora de infraestruturas viarias, o desenvolvemento rural, os equipamentos públicos, as instalacións deportivas e os servizos ambientais.
Todo isto realizarase mantendo unha política financeira prudente e responsable, sen recorrer ao endebedamento e preservando a estabilidade económica do Concello.
O Goberno local subliña ademais a significativa redución das obrigas pendentes recollidas no Plan Económico Financeiro, acadada sen incrementar a presión fiscal sobre a cidadanía.
Finalmente, desde o Concello destacan tamén a importancia da colaboración institucional, especialmente a través das achegas da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, que permiten reforzar servizos e acometer novos investimentos.
O executivo municipal sinala que, tendo en conta as modificacións de crédito xa executadas, o orzamento real do Concello supera xa actualmente os 6,1 millóns de euros.
“Presentamos un orzamento realista, equilibrado e ambicioso, pensado para seguir avanzando no desenvolvemento de Friol e mellorar o benestar dos nosos veciños e veciñas”, conclúe o alcalde.