Friol licita a renovación integral de dous parques infantís para mellorar seguridade e accesibilidade

LugoXa | TerraChaXa
A intervención prevista abrangue unha renovación completa dos espazos de xogo
renovacion-parques-friol
7 Apr 2026

O Concello de Friol vén de aprobar a licitación do proxecto de renovación integral dos parques infantís situados no Parque Rosalía de Castro e no Parque Félix Rodríguez de la Fuente, dous espazos de referencia para o lecer das familias no centro do municipio. A actuación busca modernizar estas instalacións, reforzar a seguridade e garantir a accesibilidade universal, co obxectivo de crear contornas máis inclusivas, sostibles e adaptadas ás necesidades da infancia.

O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 165.140,97 euros, dos cales a Xunta de Galicia financia a maior parte, cunha achega de 148.626,87 euros, mentres que o resto será asumido con fondos propios municipais. As empresas interesadas en executar as obras dispoñen dun prazo de 20 días naturais para presentar as súas ofertas, a contar desde este luns día 6.

A intervención prevista abrangue unha renovación completa dos espazos de xogo. Entre as actuacións máis destacadas figura a substitución do pavimento actual por un chan continuo de caucho, unha solución que mellora a absorción de impactos e reduce o risco de lesións entre os menores. Ademais, instalaranse novos xogos infantís fabricados con materiais resistentes e sostibles, deseñados para diferentes idades e con opcións inclusivas que permitirán o uso por parte de nenos e nenas con diversidade funcional.

Outro dos eixos principais do proxecto será a eliminación de barreiras arquitectónicas, facilitando o acceso a menores con mobilidade reducida e garantindo que os parques sexan espazos verdadeiramente accesibles. Tamén se acometerá a rehabilitación do mobiliario urbano, con melloras en bancos, papeleiras e áreas de descanso, así como a creación de zonas de sombra mediante a plantación de árbores autóctonas e a instalación de pérgolas, co fin de aumentar o confort durante os meses de máis calor.

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, destacou que esta iniciativa representa “un paso importante na mellora dos espazos públicos do municipio”, ao apostar por áreas de xogo “máis seguras, modernas e inclusivas”, pensadas para o benestar das familias e da cativada. O rexedor subliñou tamén que esta actuación responde ao compromiso do goberno local coa calidade de vida da veciñanza e coa creación de espazos accesibles para toda a cidadanía.

Con esta intervención, o Concello de Friol reforza a súa liña de traballo orientada á mellora das infraestruturas municipais, promovendo actuacións que contribúan ao desenvolvemento sostible e ao benestar social, ao tempo que actualiza dous dos principais espazos de encontro e lecer familiar do municipio.

0.12445497512817