Friol mellora accesos agrarios con investimentos de case 280.000 euros en Nodar e Silvela

LugoXa | TerraChaXa
As actuacións forman parte dos proxectos de permutas de especial interese agrario e permitirán acondicionar máis de tres quilómetros de camiños rurais
mellora-parroquia-Nodar-Friol
11 Aug 2026

O Concello de Friol continúa avanzando na mellora das infraestruturas vinculadas á actividade agraria cun investimento de case 280.000 euros destinado á reparación e acondicionamento de camiños de acceso a parcelas.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou as actuacións executadas na parroquia de Nodar, onde se destinaron máis de 60.000 euros. Os traballos realizados incluíron a limpeza de cunetas, o afirmado e pavimentación do firme, a execución de pasos salvacunetas e a xestión dos residuos procedentes da obra. A intervención desenvolveuse ao longo dunha superficie de 838 metros e busca mellorar a accesibilidade ás parcelas agrícolas da zona.

Ademais, está prevista unha nova actuación no entorno dos núcleos de Busto e A Covariza, na parroquia de Silvela. Neste caso acondicionaranse 2.460 metros de camiños rurais cun investimento superior aos 210.000 euros.

Estas actuacións enmárcanse nos proxectos de permutas de especial interese agrario impulsados pola Consellería do Medio Rural, unha ferramenta da que Friol foi municipio pioneiro. A través desta iniciativa estase a traballar na mobilización de máis de 570 hectáreas de terreo no concello, das que 162 corresponden á parroquia de Nodar.

O obxectivo destas actuacións é favorecer a mobilización da terra, mellorar o acceso ás explotacións agrarias e contribuír a evitar o abandono de parcelas, impulsando así a actividade produtiva no rural.

0.12259411811829