Friol mobiliza un millón de euros para construír unha nova biblioteca, o museo do queixo e actuar en Seixón

O Concello de Friol continúa avanzando no seu compromiso coa mellora dos servizos públicos, a promoción da cultura e o desenvolvemento do rural mediante a posta en marcha de dous importantes proxectos que contan co apoio da Xunta de Galicia e que permitirán mobilizar un investimento de máis dun millón de euros no municipio.
O Pleno municipal deu luz verde aos trámites necesarios para a execución da futura Biblioteca Municipal e do Museo do Queixo e Pan de Ousá, unha iniciativa impulsada polo Concello de Friol coa finalidade de crear un novo espazo cultural de referencia e contribuír á conservación e difusión dun dos principais sinais de identidade do municipio.
O proxecto contará cun investimento total de 342.970,16 euros, dos que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, achegará 300.000 euros, asumindo o Concello a parte restante do financiamento.
O alcalde destacou que “este é un proxecto moi importante para Friol porque nace da vontade do Concello de seguir ampliando e mellorando a oferta cultural do municipio ao mesmo tempo que poñemos en valor a nosa historia, as nosas tradicións e dous produtos que levan o nome de Friol por toda Galicia, como son o queixo e o pan”.
O rexedor agradeceu expresamente o respaldo da Xunta de Galicia, sinalando que “a colaboración institucional é fundamental para que os concellos poidamos transformar proxectos en realidades. Neste caso, o apoio da Xunta permite facer posible unha actuación estratéxica para o noso futuro cultural, turístico e patrimonial”.
Xunto a esta actuación, o Concello de Friol impulsará tamén a execución das obras de abastecemento de auga á parroquia de Seixón, unha actuación moi demandada pola veciñanza e que suporá un investimento de 622.557 euros.
Este proxecto desenvolverase mediante un convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Friol, no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027, cofinanciado pola Unión Europea. A Xunta de Galicia asumirá o 80 % do investimento, mentres que o Concello de Friol achegará o 20 % restante, demostrando unha vez máis o seu compromiso coa mellora das infraestruturas e dos servizos básicos no rural.
“O noso obxectivo é seguir levando investimentos a todas as parroquias de Friol e mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. O abastecemento de auga é un servizo esencial e esta actuación permitirá ofrecer maiores garantías, maior capacidade e un servizo de máis calidade para a poboación de Seixón”, explicou o alcalde.
O rexedor destacou ademais o esforzo económico realizado polo Concello para facer realidade esta actuación, sinalando que “a pesar do importante investimento municipal que supón asumir o 20 % do custo da obra, consideramos que se trata dunha actuación prioritaria e necesaria para o futuro da parroquia e para seguir mellorando os servizos que prestamos á cidadanía”.
Así mesmo, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia e de Augas de Galicia, indicando que “cando as administracións traballan de maneira coordinada, os proxectos saen adiante e os beneficiados son os veciños. Este convenio permitirá executar unha actuación moi importante para Seixón e para o conxunto do municipio”.
Desde o Concello de Friol subliñan que ambas actuacións permitirán mobilizar mais de 1 millón de euros en investimentos no municipio, sumando a execución das obras, a redacción técnica e a dirección de obra de ambos proxectos, reforzando tanto os equipamentos culturais como as infraestruturas básicas e contribuíndo a crear mellores condicións para vivir, traballar e desenvolver proxectos no rural.
O Goberno municipal reafirma así a súa aposta por unha xestión centrada na captación de recursos doutras administracións, na colaboración institucional e na execución de proxectos que redunden directamente no benestar da veciñanza e no progreso de Friol.