Friol prepárase para celebrar esta fin de semana unha nova edición do Friulio

A Xunta colabora coa oitava edición do Friulio, que se celebra en Friol o sábado 9 e o domingo 10 de maio. A cita está impulsada polo Concello e a asociación de recreación histórica A Castronela.
A Delegación Territorial de Lugo acolleu a presentación desta convocatoria, coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o alcalde de Friol, José Ángel Santos, e membros da organización.
A festa reunirá a máis de 500 persoas e unha trintena de asociacións que recrearán a vida das culturas castrexa e romana, a través das múltiples actividades que se desenvolverán durante toda a fin de semana.
Arias resaltou a capacidade de atracción que foi sumando esta celebración ao longo das sucesivas edicións. Destacou o interese das festas de recreación histórica, que serven para “afondar no noso pasado”, ao tempo que “contribúen ao impulso da economía local e á promoción turística dos concellos”.
En canto á programación, o asentamento castrexo e o campamento romano poderán visitarse na contorna do paseo fluvial o sábado de 11,00 a 22,00 horas e o domingo de 11,00 a 20,00 h. Outro dos grandes atractivos da festa é o Asedio ao Friulio, previsto para o sábado ás 19,30 h.
Tamén se realizarán distintas representacións; desfile de tropas; xogos populares; así como obradoiros, exposicións e demostracións variadas – de fiado, ourivaría, comercio castrexo, medicina romana, tiro con arco, elaboración e cuñado de moedas, téxtil ... entre outras -. Ademais, haberá oferta gastronómica e actuacións musicais.