Friol prepárase para celebrar o 24 de maio a súa tradicional Feira do Cabalo

LugoXa | TerraChaXa
Un dos momentos máis agardados será a competición de andadura tradicional galega, nas súas modalidades serrada e chapeada
feira-do-cabalo-de-friol
7 May 2026

O municipio de Friol prepárase para celebrar o vindeiro 24 de maio de 2026 unha nova edición da súa destacada Feira do Cabalo, un evento xa consolidado que reunirá a afeccionados ao mundo ecuestre, profesionais do sector gandeiro e público en xeral nunha xornada chea de actividade.

O recinto feiral abrirá as súas portas ás 8:30 horas, dando comezo á xornada cun mercado gandeiro e a tradicional compra-venda de gando equino a partir das 9:00 horas. Ao longo da mañá desenvolveranse distintas probas do concurso morfolóxico, incluíndo categorías de Pura Raza Galega (PRG), cruzados e outras modalidades.

Un dos momentos máis agardados será a competición de andadura tradicional galega (CMG), nas súas modalidades serrada e chapeada, así como a categoría especial sub-16, que busca fomentar a participación da mocidade. As probas continuarán pola tarde con novas categorías de morfolóxico e andadura libre.

A programación completarase cun espazo de lecer para os máis pequenos, que contará con ponis e inchables, así como cunha pausa gastronómica ao mediodía (de 13:00 a 15:30 horas) para gozar do vermú e xantar.

Como broche final, ás 19:00 horas, terá lugar un gran espectáculo ecuestre a cargo de Miron Bococi, seguido da entrega de premios e dun sorteo final.

Os premios por categoría ascenden a 150€, 100€ e 50€, acompañados de trofeo para os tres primeiros clasificados. Na categoría sub-16, todos os participantes recibirán medalla, con distinción especial para os tres mellores. Ademais, nalgunhas probas de andadura entregaranse sacos de penso como premio.

A organización lembra que o prazo de inscrición estará aberto ata o 21 de maio ás 24:00 horas, e que todos os participantes deberán presentar a documentación do animal antes das 11:00 horas do día da feira. Así mesmo, será obrigatorio o uso de casco e cada xinete deberá acudir co libro de titularidade do animal, sendo responsable dos posibles danos ocasionados.

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, destacou a importancia desta cita para o municipio: “A Feira do Cabalo é unha das nosas citas máis emblemáticas, que combina tradición, cultura e dinamización económica. É un orgullo ver como cada ano medra en participación e calidade.”

Así mesmo, quixo poñer en valor o papel do sector: “Este evento serve tamén para apoiar e visibilizar o traballo dos gandeiros e criadores, fundamentais para o mantemento do noso rural.”

O rexedor tamén tivo palabras de agradecemento para a implicación da mocidade na organización: “Quero recoñecer especialmente o traballo dos rapaces e rapazas que colaboran activamente na organización xunto co Concello. Sen a súa implicación, ilusión e esforzo, sería moito máis difícil sacar adiante unha feira desta envergadura.”

Finalmente, convidou á veciñanza e visitantes a participar: “Animamos a todo o mundo a achegarse a Friol e gozar dunha xornada única, pensada para todas as idades, onde o cabalo é o gran protagonista.”

A Feira do Cabalo de Friol consolídase así como unha cita imprescindible no calendario ecuestre galego, combinando tradición, competición e lecer nun ambiente festivo e familiar.

0.12429594993591