Friol recibe aos xogadores e xogadoras dos equipos campións de Europa de fútbol gaélico

LugoXa | TerraChaXa
O alcalde agradeceu tamén o traballo e a paixón coa que representan á selección galega, facendo historia nun deporte cada vez con maior presenza e seguimento en Galicia
recepcion-jugadores-furbol-gaelico
9 May 2026

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, acompañado por representantes do Equipo de Goberno, recibiu hoxe no Concello aos nove xogadores e xogadoras veciños do municipio que recentemente se proclamaron campións de Europa de fútbol gaélico coa selección galega.

Durante o acto, celebrado na Casa do Concello, o rexedor quixo felicitar aos deportistas polo importante logro acadado, destacando “o esforzo, a dedicación e o compromiso” que demostraron tanto dentro como fóra do terreo de xogo. Así mesmo, puxo en valor o exemplo que representan para a mocidade e para todo o municipio.

Desde o Concello sinalaron que este éxito deportivo supón “un enorme orgullo para Friol”, xa que os campións e campioas contribuíron a levar o nome do municipio e de Galicia ao máis alto do deporte europeo.

O alcalde agradeceu tamén o traballo e a paixón coa que representan á selección galega, facendo historia nun deporte cada vez con maior presenza e seguimento en Galicia. Ademais, quixo recoñecer expresamente o apoio e a implicación das familias dos xogadores e xogadoras, destacando que “detrás de cada éxito deportivo hai tamén un importante esforzo das familias, que acompañan, animan e apoian en cada paso do camiño”.

No transcurso da recepción institucional, o Concello fixo entrega tamén dun detalle conmemorativo nominativo a cada un dos xogadores e xogadoras, como mostra de agradecemento e recoñecemento pola súa fazaña deportiva e polo orgullo que supón para Friol contar con representantes deste nivel.

Con esta recepción institucional, o Concello de Friol quixo render unha merecida homenaxe aos deportistas e recoñecer publicamente a súa traxectoria, entrega e espírito de superación.

“É unha satisfacción contar en Friol con persoas que son exemplo de esforzo, compañeirismo e orgullo pola nosa terra”, concluíu José Ángel Santos.

0.12438011169434