Friol reúne máis de mil solicitudes de dependencia e destina máis dun millón de euros a servizos sociais

LugoXa | TerraChaXa
Este fito prodúcese cando se cumpren 19 anos da aprobación da Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia
alcalde-friol-e-pablo-servizos-sociais
19 Jun 2026

Os Servizos Sociais do Concello de Friol rexistraron esta semana a solicitude número 1.000 relacionada co sistema de atención á dependencia, un dato que evidencia a importancia deste servizo para a veciñanza e o incremento das necesidades de atención e apoio ás persoas dependentes e ás súas familias.

Este fito prodúcese cando se cumpren 19 anos da aprobación da Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia,"unha normativa que marcou un antes e un despois no recoñecemento dos dereitos das persoas que precisan asistencia para desenvolver as actividades básicas da vida diaria", subliña o alcalde.

Ao longo destes anos, o Concello de Friol, a través dos seus Servizos Sociais, vén desempeñando un papel fundamental na información, asesoramento e tramitación das solicitudes, acompañando ás familias durante todo o proceso e facilitando o acceso aos distintos recursos e prestacións contemplados pola normativa.

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, destacou que “alcanzar as 1.000 solicitudes de dependencia demostra a relevancia que teñen os Servizos Sociais na vida diaria dos nosos veciños e veciñas e a necesidade de seguir reforzando a atención ás persoas que máis o precisan”.

Neste sentido, o rexedor lembrou o importante esforzo económico que realiza o Concello nesta materia, xa que durante o presente exercicio destinará máis dun millón de euros aos Servizos Sociais municipais, unha cifra histórica para unha administración local das dimensións de Friol e que reflicte a clara prioridade que o Goberno municipal concede ás políticas de benestar social.

“Falamos dun investimento moi significativo que nos permite manter e mellorar servizos esenciais para as persoas maiores, dependentes, familias e colectivos vulnerables. O noso compromiso é seguir destinando os recursos necesarios para garantir unha atención próxima, eficaz e de calidade”, sinalou Santos Ramos.

Desde o Concello tamén se quixo recoñecer o labor desenvolvido polo persoal dos Servizos Sociais, cuxa profesionalidade e dedicación resultan fundamentais para dar resposta ás necesidades da poboación e para tramitar con axilidade os expedientes relacionados coa dependencia e outras prestacións sociais.

O Goberno municipal reafirma así a súa aposta polas políticas sociais, consolidando un modelo de atención centrado nas persoas e no acompañamento das familias. A superación das 1.000 solicitudes de dependencia constitúe un reflexo da evolución demográfica e social do municipio, pero tamén do compromiso do Concello de Friol coa protección social e coa mellora da calidade de vida da súa cidadanía.

0.14675307273865