Friol suspende o Samaín en sinal de respecto e solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario de Toledo

O Concello de Friol e a Asociación A Castronela decidiron suspender a celebración do Samaín, prevista para este sábado, 31 de outubro, en Castro Friulio, como mostra de respecto e solidariedade coas persoas afectadas polo tráxico accidente ferroviario ocorrido en Toledo e coas súas familias.
A decisión foi comunicada a través das redes sociais, onde ambas as entidades agradeceron a comprensión dos veciños e veciñas, así como de todas as persoas que tiñan previsto acompañalos nesta celebración.
O programa contemplaba unha xornada de actividades que comezaría ás 17.00 horas coa apertura, seguida dun baile de cabazas e un obradoiro infantil. A programación incluía tamén unha pancetada, unha chocolatada, unha queimada e un concurso, co peche previsto para as 23.59 horas.
Desde o Concello de Friol e a Asociación A Castronela trasladaron todo o seu cariño e solidariedade ás persoas afectadas polo accidente e ás súas familias nestes momentos difíciles.