Fronte Ampla reivindica A Ribeira de Piquín como modelo para revitalizar o rural

A formación destaca o traballo da Fundación TerrEO na recuperación de terras abandonadas, a creación de emprego e a rehabilitación de vivendas e servizos públicos para combater o despoboamento
Fronte Ampla en Ribeira de Piquín
26 Nov 2026

Unha representación das candidaturas de Senado de Progreso e de Fronte Ampla ao Congreso visitou A Ribeira de Piquín no marco da campaña electoral, onde mantivo un encontro co presidente da Fundación TerrEO, Roberto Fernández Rico, para coñecer as iniciativas que desenvolve a entidade e os seus proxectos de futuro.

A Fundación TerrEO, de iniciativa integramente municipal, impulsa diferentes actuacións para dinamizar a economía nun concello duns 500 habitantes. Entre elas figuran a recuperación da piscifactoría de Santalla, a cría de porco celta, o cultivo de kiwis e a produción hortícola. Os beneficios destas actividades reinvístense no propio territorio.

A delegación tamén coñeceu a recuperación produtiva de 18 hectáreas repartidas en máis de 300 parcelas na contorna de Montefurado, unha actuación que contribúe á prevención dos incendios forestais. Ademais, abordou as dificultades para prestar servizos públicos en territorios con baixa densidade de poboación e a necesidade de impulsar medidas que favorezan a permanencia dos habitantes e a chegada de novos veciños.

Durante a visita, os representantes coñeceron tamén o proxecto municipal para rehabilitar as antigas escolas unitarias e convertelas en vivendas destinadas ao alugueiro social, así como a iniciativa para poñer en marcha un obradoiro de pan de uso comunitario.

Fronte Ampla considera que a experiencia de Ribeira de Piquín demostra a capacidade da iniciativa pública para recuperar recursos, crear emprego e reter a riqueza no territorio. A formación defende que vivir no rural non debe supoñer ter menos dereitos nin un acceso máis precario á sanidade, á educación, á vivenda, á mobilidade ou aos coidados.

A candidatura aposta por un modelo que permita frear o despoboamento e garantir que as persoas que traballan e coidan o territorio poidan desenvolver nel unha vida digna, con acceso pleno aos servizos públicos e ás oportunidades.

0.13445997238159