Galicia activa a alerta por calor tras un mes de maio cálido e cun episodio de altas temperaturas de diez días

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Ángeles Vázquez indica que a temperatura media foi de 16,1 graos, o que supón 1,7 graos máis que o valor habitual nesta época do ano
temperatura-termometro-calor
2 Jun 2026

Galicia rexistrou un mes de maio moi cálido cun episodio extraordinario de altas temperaturas que durou máis de dez días, segundo explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

Durante unha rolda de prensa que ofreceu hoxe, a conselleira informou sobre o avance do informe climatolóxico do pasado mes de maio elaborado por MeteoGalicia, que indica que a temperatura media foi de 16,1 graos, o que supón 1,7 graos máis que o valor habitual nesta época do ano.

Nese senso, a conselleira fixo fincapé na excepcionalidade do episodio de altas temperaturas que durou máis de dez días -desde o 20 de maio ata a pasada fin de semana-, xa que o habitual neste mes é que sexan de curta duración. Isto debeuse a un fenómeno coñecido como ‘cúpula de calor’, que corresponde coa entrada dunha masa de aire cálido procedente do norte de África que provocou ese ascenso térmico.

En concreto, nesas xornadas Ourense só baixou dos 30 graos o día 23, e o 27 rexistráronse 37,5 graos. Nesa cidade non se rexistraba un valor tan alto en maio desde 2022, cando se acadaron os 37,9 graos.

Con todo, maio foi un mes moi variable no que respecta ás temperaturas porque ata o día 19 foron, en xeral, baixas, mesmo con episodios de neve na provincia de Lugo. E, en canto ás precipitacións, foi un mes normal cun valor medio de 90 litros por metro cadrado.

Sistema de alerta temperá de detección de episodios de calor

De feito, ante o inicio do verán climatolóxico e a posibilidade de que se rexistren episodios de calor, a Xunta activou onte, o 1 de xuño, o sistema de alerta temperá de detección destes fenómenos para anticipar riscos, mellorar as predicións e protexer a poboación fronte aos efectos das altas temperaturas.

Nesa liña, a conselleira, que estivo acompañada da directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, puxo en valor que este sistema, que estará operativo ata o vindeiro 30 de setembro, se basea na colaboración entre servizos meteorolóxicos e autoridades sanitarias e de emerxencias, o que permite que Galicia teña consolidado un protocolo propio de actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde cun sistema público de alerta temperá robusto e eficaz.

Así, Ángeles Vázquez explicou que o primeiro paso para poder dar unha resposta áxil, eficaz e eficiente á cidadanía é contar con información e para iso a Comunidade conta, a través de MeteoGalicia, cos datos precisos e detallados que ofrece a súa extensa rede de estacións meteorolóxicas, así como cun modelo de predición cunha alta resolución e con capacidade para prognosticar temperaturas con tres días de antelación a nivel municipal.

En función desa predición, e avaliando o limiar, notifícanse os avisos –amarelo, laranxa ou vermello-, nos que se ten en conta tanto a duración do episodio de calor como a intensidade do mesmo.

No caso que se prevexa que se poden superar os valores limiares nalgunha zona, comunícase tanto á Dirección Xeral de Saúde Pública como á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para que adopten, en cada caso, as medidas incluídas no protocolo de actuación da Xunta fronte aos posibles efectos da altas temperaturas sobre a saúde.

Trátase, polo tanto, tal e como dixo Ángeles Vázquez, de transformar a información científica en acción pública útil mellorando, deste xeito, a capacidade de resposta das autoridades sanitarias e de emerxencias para garantir unha mellor protección da poboación. De feito, no verán do pasado ano 2025 activáronse alertas por altas temperaturas en 23 xornadas, incluíndo un episodio excepcional no que a situación de calor se estendeu ao longo de 16 días consecutivos -do 2 ao 17 de agosto-.

Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, subliñou que a evidencia científica apunta a que os episodios de calor serán cada vez máis intensos e frecuentes, unha conxuntura que levou á Xunta a desenvolver un Plan de actuacións para facer fronte aos posibles efectos adversos das altas temperaturas na saúde.

Sobre este particular, a responsable sanitaria incidiu na importancia que posúe o traballo conxunto das administracións, destacando o traballo do Comité Permanente de Coordinación, do que forman parte representantes das áreas de Saúde Pública, Meteoroloxía e Emerxencias, así como a comunicación permanente co Ministerio de Sanidade para levar a cabo medidas preventivas ante a suba de temperaturas.

Por último, Carmen Durán lembrou as principais recomendacións para protexerse das vagas de calor, entre as que destacou: beber máis líquido do habitual; empregar roupa lixeira, folgada e de cores claras; evitar a actividade física durante as horas centrais do día, consumir comidas lixeiras e procurar lugares frescos e sombríos.

0.15163516998291