Galicia dá cobertura ás familias de mariñeiros falecidos en accidente laboral

TerraChaXa | LugoXa
Galicia volverá dar cobertura este ano ás familias dos profesionais do mar falecidos durante o exercicio da súa actividade ao habilitar axudas coas que cubrir as necesidades máis inmediatas dos familiares nos primeiros momentos tralo falecemento e mentres se realizan os trámites correspondentes cos seguros.
11 Xan 2020

Galicia volverá dar cobertura este ano ás familias dos profesionais do mar falecidos durante o exercicio da súa actividade ao habilitar axudas coas que cubrir as necesidades máis inmediatas dos familiares nos primeiros momentos tralo falecemento e mentres se realizan os trámites correspondentes cos seguros. 

As achegas, recollidas na orde da Consellería do Mar que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, pretenden facer fronte ás consecuencias duns accidentes que adoitan traer consigo situacións de desamparo económico temporal e puntual das familias dos tripulantes falecidos ou desaparecidos pois a perda da persoa soe ir aparellada á falla de ingresos económicos xerados pola actividade cesante. Para mitigar esa situación, a orde establece axudas de 3.000 euros para a viúva ou parella de feito da persoa falecida e de 1.000 euros para cada un dos seus fillos menores de 21 anos ao tempo que dá a consideración de falecidas a aquelas persoas que sigan desaparecidas transcorridos 10 días desde a data na que se produciu o sinistro.  

A orde, que entra en vigor mañá, inclúe como profesionais do mar os tripulantes galegos de calquera tipo de embarcación pesqueira debidamente enrolados nela e calquera que sexa o seu pavillón, os tripulantes non galegos que coticen no Réxime Especial do Mar da Seguridade Social nun buque pesqueiro con porto base en Galicia, os mariscadores e os traballadores de viveiros flotantes radicados en augas da comunidade autónoma. 

As persoas que poidan necesitar estas axudas teñen toda a documentación necesaria na orde que publica o DOG. A presentación das solicitudes de achegas, para as que hai un orzamento de 50.000 euros, realizarase por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal ou de xeito presencial nos lugares e rexistros establecidos a tal efecto. 

Para esta convocatoria o prazo de presentación das solicitudes comeza mañá e remata o 15 de decembro de 2020 e refírese a falecementos ocorridos desde o 1 de decembro de 2019 ata o 30 de novembro de 2020 pois as axudas a percibir con motivo de falecementos a partir do 1 de decembro de 2020 tramitaranse ao abeiro da orde de axudas do ano 2021. Esta é a segunda convocatoria de achegas deste tipo que realiza a Consellería do Mar trala de 2019 para os falecementos producidos entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro dese ano. 

 

0.062650918960571