Galicia investirá en equipar e modernizar ao sector marítimo
A Consellería do Mar vén de seleccionar 35 proxectos para a modernización dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque de produtos do mar de Galicia que contan cun orzamento de preto de 2,1 millóns de euros para o desenvolvemento de actuacións que contribúan á mellora da súa eficiencia enerxética, da seguridade e as condicións de traballo dos pescadores e da mellora da calidade dos produtos desembarcados.
Os proxectos seleccionados desenvolveranse no marco da convocatoria de achegas de 2020 con este fin, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e beneficiarán a un total de 23 confrarías de pescadores. A provincia que máis proxectos seleccionados suma, de acordo cun informe analizado hoxe polo Consello da Xunta, é a da Coruña, con 17, seguida de Pontevedra, con 15, e a de Lugo, con tres.
A maior parte do investimento, algo máis de 900.000 euros, é para accións que teñen como obxectivo aumentar a eficiencia enerxética das instalacións. Trátase de 14 proxectos entre os que se atopan seis para a instalación de paneis solares fotovoltaicos de xeración de electricidade, cinco para aumentar o aforro enerxético dos equipamentos de frío existentes así como dos sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento e tres de mellora da iluminación interior das lonxas mediante tecnoloxía led e coa renovación ou incorporación de sistemas de control de acendido e regulación do nivel de iluminación.
Con estes proxectos de eficiencia enerxética espérase acadar un aforro de case o 40% do consumo inicial de enerxía dos equipos sobre os que se actúa, un descenso de máis do 38% no custo de funcionamento deses equipamentos, ao que se suman os aforros derivados da menor potencia demandada e en materia de mantemento, e prevese reducir tamén arredor dun 40% as emisións de CO2 á atmosfera, contribuíndo así ao coidado do medio ambiente.
Entre os proxectos seleccionados tamén hai 15 de mellora da calidade dos produtos desembarcados, unha liña de achegas na que son subvencionables as adquisicións de elementos como contedores e equipos de limpeza para as lonxas ou produtores de xeo. As accións deste tipo financiadas ao abeiro da convocatoria de 2020 supoñen un investimento de máis de 700.000 euros e permiten a adquisición de cinco máquinas fregadoras do chan, 16 hidrolimpadoras, catro máquinas limpadoras de caixas, seis produtores de xeo, dous silos, 12 contedores de estabulación de crustáceos e 54 colectores de almacenamento.
Mellora da seguridade
En canto á mellora da seguridade e das condicións de traballo dos pescadores, unha liña na que son subvencionables proxectos para a adquisición de elementos como sistemas de varadas para as embarcacións, guindastres para a descarga de produtos da pesca ou casetas desmontables para vestiarios dos profesionais do marisqueo, os seis proxectos seleccionados na convocatoria deste ano permiten ás confrarías solicitantes adquirir un total de cinco carros varadoiros e un guindastre.
En total son 11 as confrarías da Coruña beneficiarias de axudas: as de Portosín, Cedeira, Muros, Noia, Rianxo e Ribeira con dous proxectos cada unha e as de Muxía, Lira, Fisterra, Corcubión e Cabo de Cruz con un proxecto. Na provincia de Pontevedra hai 10 confrarías con accións aprobadas: Arcade e O Grove teñen tres cada unha, seguidas de Cangas, con dúas, e de Bueu, Vilanova de Arousa, Vilaboa, Vilaxoán, Carril, Portonovo e Moaña, con un proxecto cada unha. Mentres, no caso de Lugo están Celeiro, con dúas iniciativas aprobadas, e O Vicedo, con unha.
Este tipo de equipamentos e actuacións facilita e melloran as condicións de traballo do sector e contribúen a aumentar a súa competitividade. Ao mesmo tempo favorecen o desenvolvemento e a sustentabilidade da pesca costeira artesanal que realiza a súa actividade nas lonxas e portos de Galicia.