Galicia pide que se aclare se o marisqueo é unha actividade esencial

TerraChaXa | LugoXa
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo unha videochamada telefónica co presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, na que coordinaron e afianzaron a colaboración nas xestións que se están a realizar para dotar ao sector das ferramentas necesarias para acceder ás medidas compensatorias habilitadas polo Estado ante a crise do coronavirus e para que o Goberno central aclare algunhas cuestións relacionadas co desenvolvemento da actividade durante o estado de alarma.
2 Apr 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo unha videochamada telefónica co presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, na que coordinaron e afianzaron a colaboración nas xestións que se están a realizar para dotar ao sector das ferramentas necesarias para acceder ás medidas compensatorias habilitadas polo Estado ante a crise do coronavirus e para que o Goberno central aclare algunhas cuestións relacionadas co desenvolvemento da actividade durante o estado de alarma.

Neste sentido, o Executivo galego vén de enviar unha nota argumentada ao Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social na que, ante a falta de concreción tanto no real decreto que prorroga a declaración do estado de alarma como no real decreto-ley que regula o permiso retribuído recuperable para os traballadores de actividades non esenciais, a titular de Mar pide ao Estado que aclare se a actividade marisqueira é considerada esencial para o subministro de alimentos á cidadanía tendo en conta a situación actual e que simplifique o acceso ás medidas compensatorias fixadas para os traballadores que vexan caer os seus ingresos pola alerta sanitaria.

A maiores, tamén se solicita que estude a procedencia de declarar o cese de actividade no marisqueo e na extracción de recursos específicos dadas as dificultades coas que se atopa o sector para colocar os seus produtos no mercado como consecuencia da baixa demanda polo peche da hostalería. Nesta misiva ao Estado certifícase en cifras o peche da principal canle de saída dos produtos do marisqueo, xa que desde a declaración do estado de alarma produciuse un descenso da facturación do sector de máis do 96% en relación co mesmo período do ano pasado, e que a saturación de produto que padecen os comercializadores do sector dificulta a súa venda, o que deixa aos profesionais do marisqueo sen compradores para a súa mercadoría.

Os moluscos bivalvos, incide Rosa Quintana, son produtos perecedoiros, polo que é inviable a súa almacenaxe para posterior comercialización, e a colocación á industria transformadora e conxeladora é improbable pois estas empresas están centrando a súa actividade en produtos de maior consumo. Por todo isto, e sumado ás dificultades comunicadas polos profesionais do marisqueo para cumprir coas medidas de seguridade establecidas para facer fronte á enfermidade -como o mantemento das distancias de seguridade-, a Xunta entende que este sector non está a poder participar, de facto, na cadea de subministro.

Ao mesmo tempo, o Executivo galego considera que o mantemento da actividade na situación actual dificultaría a reactivación económica do marisqueo no futuro, lastrado pola saturación do mercado, a ausencia de demanda prevista e conlevaría a extracción dun recurso finito que reduciría as existencias en detrimento da recuperación da actividade.

Nesta liña, a conselleira do Mar solicita ao Ministerio de Sanidade que estude a situación e clarifique se o marisqueo e a extracción de recursos específicos están entre as actividades consideradas esenciais, unha incerteza que se produce nun momento no que só o Ministerio de Sanidade pode decretar o peche xeral do marisqueo -algo que solicitaron varias confrarías galegas- pois o Estado asumiu esa competencia ao declarar o estado de alarma.

Medidas compensatorias

Á marxe de que o Goberno central decrete ou non o peche xeral do marisqueo, a titular de Mar tamén lle trasladou ao Ministerio de Sanidade a necesidade de simplificar o acceso ás compensacións establecidas nas medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19. Nelas recóllese que os traballadores autónomos inscritos no Réxime Especial do Mar deben acreditar a redución da súa facturación en polo menos un 75% en relación co semestre anterior para acceder á prestación extraordinaria por cese de actividade, á que poderían acollerse boa parte das mariscadoras e mariscadores de Galicia.

Neste sentido, Rosa Quintana lamenta que o Executivo estatal non especificase inicialmente como acreditar esa caída de ingresos e tampouco acepte agora a estimación ofrecida pola Xunta para o conxunto do sector, que cuantifica o descenso das vendas en máis dun 77%. A conselleira do Mar, xunto ao presidente das confrarías galegas, sinalaron que o Estado pide unha declaración individual do descenso da actividade dos profesionais do marisqueo, algo que, entenden, é difícil de obter neste momento e podería saturar os servizos da Administración Xeral do Estado como consecuencia dos labores para a súa comprobación pois o sector conta con 3.777 persoas con permex de marisqueo a pé e con 2.893 embarcacións coa posibilidade de extracción de algún dos recursos sinalados, e cunha media de tripulantes que se sitúa en 1,67.

Ante esta situación, a Consellería do Mar demandoulle ao Goberno central que estude a procedencia de articular algún mecanismo simplificado para certificar e controlar a redución de ingresos no marisqueo e na extracción de recursos específicos co obxectivo de dar unha resposta áxil ao sector e que poida acceder á prestación extraordinaria por cese de actividade.

Esta videochamada telefónica con José Antonio Pérez Sieira e a carta enviada ao Ministerio de Sanidade en colaboración e coordinación coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores súmanse á misiva xa enviada a semana pasada pola conselleira do Mar ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación para trasladarlle todo o seu apoio na negociación con Bruxelas de medidas de apoio ao sector pesqueiro ante a crise do coronavirus e á videoconferencia mantida co propio Luis Planas uns días antes na que lle solicitaba distintos mecanismos de axuda para que o complexo mar-industria poida superar as actuais dificultades e manter a súa actividade. Deste xeito, o Executivo galego mantén os contactos con todos os actores implicados para buscar a mellor saída para as actividades marítimo-pesqueiras que se desenvolven en Galicia.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19754886627197