Galicia promove a modernización de equipamentos nos portos e nas lonxas

TerraChaXa | LugoXa
17 Feb 2020

As confrarías de pescadores de Galicia poden optar a axudas para a modernización das instalacións portuarias, das lonxas e dos lugares de desembarque no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Estas e outras posibilidades ás que poden acceder foron explicadas hoxe por técnicos da Xunta ás confrarías de pescadores nunha xornada celebrada na sede da Federación Galega de Confrarías na que participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e na que tamén estivo a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

Coas achegas para a modernización das instalacións portuarias, das lonxas e dos lugares de desembarque apóianse proxectos de mellora da eficiencia enerxética, onde se enmarcan por exemplo, a modernización da iluminación interior con tecnoloxía led ou proxectos de aforro enerxético nas instalacións de frío, entre outros.

Tamén son obxecto de axuda as iniciativas de mellora da seguridade e condicións de traballo dos pescadores, entre eles os sistemas de varada de embarcacións, os guindastres para a descarga de produtos da pesca e casetas desmontables para vestiarios dos profesionais do marisqueo. Outros investimentos subvencionables son os mellora da calidade dos produtos desembarcados, como os contedores e equipos de limpeza para lonxa e os produtores de xeo.

A titular de Mar explicou que este tipo de equipamentos facilitan e melloran as condicións de traballo do sector e contribúen á mellora da súa competitividade. Ao mesmo tempo, engadiu, favorecen o desenvolvemento e a sustentabilidade da pesca costeira artesanal que realiza a súa actividade nas lonxas e portos de Galicia.

Así o especifica a convocatoria de 2020 destas achegas publicada a pasada semana no Diario Oficial de Galicia, que sinala que o orzamento destinado a esta convocatoria é de 2,5 millóns de euros a distribuír nas anualidades 2020 e 2021. Nela as confrarías interesadas poden consultar os requisitos e a documentación necesaria para cursar a solicitude de axuda.

No encontro os técnicos da Consellería do Mar tamén expuxeron ás confrarías outras achegas ás que poden acceder como as destinadas a proxectos que contribúan á recollida de residuos mariños ou a mellorar a produtividade daqueles bancos que acumulan 12 meses de perda da produción das súas especies obxectivo, entre outras. A xornada tamén serviu para resolver cuestións relacionadas con este tipo de apoios.

0.12237811088562