Galicia rexistrou este ano a primavera climatolóxica máis seca desde 1990

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O informe de MeteoGalicia sobre os meses de marzo, abril e maio indica que, cunha precipitación media un 46% inferior ao habitual, foi a cuarta primavera máis seca desde que hai rexistros
VILASANTAR sequia
14 Jun 2026

Galicia rexistrou a primavera climatolóxica -período que comprende os meses de marzo, abril e maio- máis seca desde o ano 1990, segundo o informe elaborado por MeteoGalicia.

En concreto, a precipitación media para as 16 estacións que compoñen a serie rexional foi de 160 litros por metro cadrado, que é un 46% inferior ao esperado para esta época. Polo tanto, pode considerarse como moi seca e, ademais, é a cuarta máis seca desde que hai rexistros.

Máis polo miúdo, as maiores cantidades de precipitacións recolléronse na franxa atlántica, ao longo das Serras Litorais e nas zonas montañosas do leste con valores entre 225 e 260 litros por metro cadrado, mentres que os rexistros máis baixos localizáronse en Valdeorras, o interior de Lugo e no Golfo Ártabro, con entre 115 e 130 litros por metro cadrado.

Por meses, nos casos de marzo e abril, as chuvias acumuladas quedaron por debaixo do agardado polo que ambos foron moi secos. Pola súa banda, maio foi un mes normal xa que se compensaron as zonas con exceso de precipitacións en forma de chuvascos e treboadas -metade leste- con aquelas con déficit, a onde as frontes que chegaron non foron tan activas como noutros meses de maio.

En canto ás temperaturas, a primavera de 2026 considérase moi cálida cun valor medio de 13,7 graos, o que representa unha anomalía de 1,4 graos con respecto ao habitual neste período.

Nos tres meses deste período rexistráronse temperaturas por riba do agardado. De feito, foron moi cálidos. En marzo foron altos tanto os valores máximos como os mínimos debido á situación anticiclónica da segunda metade do mes. Tamén en abril se rexistraron valores máximos superiores ao habitual pola frecuente aparición de situacións anticiclónicas que arrastraban aire cálido procedente do norte de África.

No caso de maio, foi un mes fragmentado en dúas partes. Ata o día 19 os valores foron baixos, pero a partir do 20 a chegada dunha masa de aire moi cálido continental propiciaba un ascenso térmico capaz tanto de equilibrar as baixas temperaturas das primeiras semanas como de arrastrar a media do mes cara a valores elevados.

0.13468289375305