Galicia rexistrou no que vai de ano máis de 12.800 raios, o 80 % dos que se contabilizaron en todo o 2025

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou a estación meteorolóxica de MeteoGalicia en Castro de Ribeiras de Lea, no concello de Castro de Rei
estacion-de-raios-en-castro-de-rei
29 May 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, informou hoxe de que a Rede de detección de raios de MeteoGalicia contabilizou no que vai de ano un total de 12.825 raios, o que supón o 80% de todos os rexistrados durante o pasado 2025.

Segundo declarou durante a visitar que realizou á estación meteorolóxica que MeteoGalicia ten en Castro de Ribeiras de Lea, no Concello de Castro de Rei, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que o 42% dos raios rexistrados este ano -5.371- caeron a pasada fin de semana. En concreto, entre o venres 22 e o luns 25 de maio e, ademais, ese venres e o domingo 24 foron as xornadas con máis raios de todo o ano. Pola contra, segundo explicou a conselleira, “no mes de marzo non caeu nin un só raio”.

A conselleira indicou que o que aconteceu a semana pasada é que se deron as circunstancias perfectas para que se produciran esas treboadas: aire moi cálido en superficie procedente do norte de África -como quedou demostrado pola presenza de partículas de polvo sahariano en suspensión- e frío en altura nas capas medidas e altas da atmosfera.

Desde o punto de vista xeográfico, a provincia de Lugo foi a que rexistrou un maior número destes fenómenos meteorolóxicos. De feito, é a provincia con máis raios rexistrados desde que hai rexistros de datos, en 2011. Nese senso, Ángeles Vázquez puxo como exemplo que o 46% dos raios caídos o pasado ano en Galicia concentráronse na provincia de Lugo.

Isto débese a que o interior de Galicia e as zonas con máis orografía son as máis proclives a sufrir treboadas porque as temperaturas, polo xeral, son máis altas. Ademais, entre as zonas montañosas de Lugo e Ourense, as primeiras hai máis tormentas porque é máis doado que o aire teña humidade pola súa proximidade ao Cantábrico.

Nesa liña, a conselleira puxo en valor a información que facilita a Rede de detección de raios de MeteoGalicia, que conta con catro estacións, unha en cada en provincia – Mabegondo, na Coruña; Castro de Ribeiras de Lea, en Lugo; Alto do Rodicio, en Ourense, no Campus de Vigo, en Pontevedra-.

A localización das catro estacións forma un “cadro ideal” para conseguir unha mellor e maior precisión na localización dos raios. Cómpre indicar que a posición do impacto determínase cando polo menos dous dos sensores detectan a descarga eléctrica. Polo tanto, canto maior é o número de sensores que a detectan, maior é a precisión. Nese senso, o sistema do que dispón Galicia permite detectar cuantitativamente os raios cunha precisión superior ao 90%.

A información proporcionada por esta rede xoga un papel importante na predición a curto e moi curto prazo de fenómenos meteorolóxicos severos, representando tamén unha ferramenta de particular interese para a protección civil, seguros, servizos de detección de incendios, de subministración enerxética e telecomunicacións.

No caso concreto da estación de Castro de Rei, que está operativa desde o ano 2010, ademais do sensor de raios, tamén conta cunha sonda de temperatura e humidade, piranómetro para a medida da radiación solar global, sonda de presión, pluviómetros e sonda de temperatura do solo e do aire.

Para concluír, a conselleira sinalou que a Xunta destina anualmente 94.000 euros ao mantemento da Rede de observación de MeteoGalicia, composta pola rede de detección de raios, o radar e o equipo de radiosondeo. Estes servizos compleméntanse coa rede de estacións meteorolóxicas -155 repartidas por toda Galicia-, que teñen un financiamento anual de 460.000 euros.

0.098129987716675