Galiciencia 2025 centrará o seu vixésimo aniversario na neurociencia e a saúde mental

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O prazo para inscribirse estará aberto ata o 17 de marzo
galiciencia
Galiciencia 2024
28 Jan 2025

Galiciencia celebra este ano o seu vixésimo aniversario, dirixíndose ao alumnado de Primaria, Educación Especial, Secundaria, FP e Bacharelato, co obxectivo de fomentar o talento innovador e emprendedor entre a mocidade. Este evento lévase a cabo en colaboración coa Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Xa está aberto o prazo para que os centros educativos se inscriban e os equipos presenten os seus proxectos; a data límite para facelo é o 17 de marzo a través da web www.galiciencia.com.

As actividades de Galiciencia desenvolveranse os días 14, 15 e 16 de maio, con opción de participación presencial e tamén online. Nesta edición, o evento estará centrado no tema “Neurociencia e saúde mental”, unha problemática que preocupa crecente á sociedade. Doenzas como a depresión, a ansiedade, os trastornos obsesivo compulsivos, os trastornos do sono ou da alimentación -entre outros- teñen a súa orixe en alteracións internas ou externas do cerebro.

50 proxectos seleccionados asistirán á feira, pero a participación online é ilimitada

Os centros educativos de Secundaria, Bacharelato e FP poderán presentar ata dous proxectos cada un, dos cales se seleccionarán un total de 50 para asistir á feira e competir polos premios de Galiciencia. Para a modalidade en liña, non hai restrición no número de proxectos que se poden presentar.

O equipo gañador recibirá un primeiro premio de 1.000 euros para participar en Exporecerca, a feira científica de referencia a nivel estatal que se celebra en Barcelona. O segundo clasificado contará cunha recompensa de 500 euros, que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, o certame científico de Bilbao. O terceiro premio consistirá en 200 euros para adquirir material científico e/ou tecnolóxico destinado ao centro educativo.

Ademais, outorgaranse recoñecementos especiais a diversas categorías: mellor comunicación e presentación oral, proxecto máis innovador, proxecto co método científico máis definido, mellor traballo relacionado coa temática “Neurociencia e saúde mental” e o proxecto liderado por unha nena ou vinculado con iniciativas que promovan a igualdade de xénero no ámbito da I+D+i. Tamén se premiará a mellor proposta na categoría de FP, así como o proxecto máis valorado polo público entre os participantes en liña.

Concursos e retos complementarios

Como é habitual, Galiciencia contará non só co concurso de proxectos, senón tamén con diversas actividades, talleres, concursos e espectáculos científicos. Entre eles, o alumnado de Primaria de Galicia poderá participar no concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2025. Tamén se organizará un certame fotográfico a través de Instagram, destinado a estudantes e docentes de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España.

Por outra banda, os estudantes galegos de 4º de Primaria ata Bacharelato poderán formar parte do desafío científico “Atrévete coa mente!”. Este reto consta dunha primeira fase online, na que se propoñerán tres desafíos. Para participar no primeiro reto será necesario inscribirse antes do 20 de febreiro a través da web atrevete.galiciencia.com. A fase final, que será presencial durante Galiciencia, estará reservada para aqueles que completen os tres retos online.

Visitas á feira

Os centros educativos interesados en visitar a feira deberán realizar a súa reserva antes do 17 de marzo. Cada centro poderá asistir cun mínimo de 25 participantes e un máximo de 50. Tecnópole será a encargada de xestionar e asumir os custos do transporte.

0.16247987747192