Galiza Nova mobilízase en Lugo contra o aumento do gasto militar

GaliciaXa | LugoXa
A organización xuvenil do BNG denuncia a “normalización da cultura da guerra” coa campaña ‘As súas guerras, a nosa precariedade’
Galiza-Nova-Lugo
23 May 2026

Galiza Nova celebrou en Lugo un acto enmarcado na campaña “As súas guerras, a nosa precariedade”, coa que a organización xuvenil do BNG denuncia o aumento do gasto militar e a normalización da cultura da guerra impulsadas, segundo sinalan, polo Estado e pola Xunta.

No acto participou a concelleira Iria Buide e estivo conducido polo responsábel comarcal de Galiza Nova en Lugo, Adrián Rancaño, quen afirmou que “a mocidade galega non vai mirar cara a un lado mentres convirten as nosas rúas nun parque temático militar”.

Rancaño denunciou tamén distintas situacións internacionais e asegurou que estes conflitos obrigan a mobilizarse con máis intensidade, expresando a solidariedade internacionalista da organización e o seu rexeitamento a calquera tipo de inxerencia. Defendeu ademais o obxectivo de construír unha “Galiza ceive” que se relacione co mundo en pé de igualdade, a través da diplomacia e a solidariedade entre pobos.

O responsable comarcal de Galiza Nova fixo un chamamento á mocidade lucense para participar na manifestación nacional convocada para o próximo 30 de maio en Vigo, en contra do aumento do gasto militar, ao que atribúe o beneficio dunha “elite privilexiada e da industria armamentística”.

A organización enmarca esta campaña na reclamación de máis soberanía para o pobo galego, co obxectivo de poñer as institucións ao servizo da cidadanía e orientar os recursos públicos cara ao benestar e o progreso social.

“Soberanía para loitarmos por un mundo máis xusto, igualitario e en paz, soberanía, en definitiva, para non ter que sofrer nunca máis que as súas guerras sexan a nosa precariedade”, concluíu Rancaño.

0.12002801895142