Centos de gandeiros protestan en Lugo contra o acordo UE-Mercosur

Centos de produtores agrogandeiros, mobilizados polas asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema e acompañados por arredor de 50 tractores, saíron este luns ás rúas de Lugo para amosar o seu rexeitamento á posible ratificación do acordo comercial entre a Unión Europea e os países do Mercosur. Segundo denunciaron, trátase dun tratado que tería un efecto moi prexudicial sobre o sector primario, o medio rural e o actual modelo produtivo.
A mobilización partiu da contorna do edificio da Xunta de Galicia, na Ronda da Muralla, e concluíu diante da Subdelegación do Goberno, no centro urbano. Esta acción enmárcase nunha xornada de protestas simultáneas desenvolvidas tamén noutras localidades galegas como A Coruña ou Ourense, ademais de en diferentes puntos do Estado español e doutros países europeos.

Durante o acto final, fronte ás dúas administracións, os organizadores deron lectura a dous manifestos dirixidos tanto á Xunta como ao Goberno central. Neles advertiron de que a ratificación do acordo podería provocar consecuencias irreversibles, como o peche de explotacións familiares e a perda de empregos directos e indirectos, o aceleramento do despoboamento do rural con efectos sobre a cohesión territorial e social, o aumento da dependencia alimentaria exterior ou a entrada de produtos procedentes doutros mercados con estándares inferiores, poñendo en risco a seguridade alimentaria e a confianza dos consumidores. Tamén alertaron da desvalorización do traballo agrogandeiro, ao obrigar ao sector europeo a competir con prezos imposibles de asumir sen renunciar á calidade e á sustentabilidade.
Os manifestantes expresaron a súa preocupación polo que consideran unha falta de resposta institucional ante esta situación. Aseguran que o silencio das administracións xera incerteza e lembran que teñen a obriga de protexer un sector estratéxico para a economía, o territorio e a sociedade, preguntándose que medidas se van adoptar para frear unha competencia que consideran desleal.
No manifesto, asinado tamén por outras entidades como a Federación Galega de Porcino, os produtores reclaman un veto político ao acordo mentres non se garantan condicións xustas e equilibradas. Defenden ademais a soberanía alimentaria e esixen que se aplique o principio de reciprocidade, de maneira que ningún produto procedente do exterior poida acceder ao mercado europeo sen cumprir os mesmos requisitos que se esixen ás explotacións locais.

Ao remate da mobilización, os participantes instalaron un stand informativo co obxectivo de explicar á cidadanía as consecuencias que, ao seu xuízo, a sinatura do acordo con Mercosur tería para a saúde pública e a seguridade alimentaria.
Desde o sector lembran que o ámbito agrogandeiro leva anos soportando unha presión crecente derivada do aumento dos custos de produción, dunha normativa cada vez máis complexa, da redución das marxes económicas e dunha incerteza estrutural continuada. A pesar diso, subliñan que seguen garantindo alimentos de calidade, seguros, trazables e producidos baixo os estándares máis esixentes da Unión Europea.
En contraste, critican a posibilidade de permitir a entrada masiva de produtos procedentes de países que non cumpren as mesmas esixencias ambientais, sanitarias, laborais nin de benestar animal, unha situación que consideran unha clara competencia desleal e que, advirten, pon en serio perigo a viabilidade das explotacións locais.
APOIO POLÍTICO
O Bloque Nacionalista Galego participou na mobilización protagonizada por gandeiras e gandeiros diante do edificio da Xunta de Galicia, en Lugo, para expresar o seu rexeitamento ao acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur. O BNG considera que este tratado resulta altamente prexudicial para o sector produtivo galego e lembrou que xa impulsou diferentes iniciativas institucionais para frear a súa ratificación nos organismos nos que conta con representación.
Na protesta estiveron presentes o deputado do BNG no Parlamento de Galicia Secundino Fernández, o portavoz nacionalista no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, así como cargos e militantes da formación procedentes de distintos concellos da contorna.
Durante a concentración, a delegación nacionalista trasladou o seu respaldo explícito ao sector agrogandeiro galego e advertiu das consecuencias negativas que, ao seu xuízo, terá o acordo UE-Mercosur debido á entrada masiva de produtos agrarios procedentes do exterior. Segundo denunciaron, esta situación suporá someter as explotacións galegas a unha competencia desleal, con produtos que non cumpren os mesmos requisitos nin os estándares esixidos á produción gandeira en Galicia.
Desde o BNG sinalaron que o tratado facilitará a chegada ao mercado europeo dun gran volume de alimentos procedentes do outro lado do Atlántico, fomentando modelos baseados no monocultivo e na especialización intensiva en grandes extensións de terreo para o seu posterior transporte a miles de quilómetros. Unha dinámica que consideran incompatible cos obxectivos de descarbonización, coa protección da biodiversidade, coa soberanía alimentaria e coa aposta polo consumo de proximidade. Tamén puxeron o foco nas diferenzas nas condicións de produción, lembrando que noutros países se permiten prácticas como o uso de determinados pesticidas, antibióticos ou pensos que non están autorizados na Unión Europea, ademais de contar con controis menos esixentes na orixe.
O deputado do BNG no Parlamento de Galicia Secundino Fernández explicou que “hoxe estamos en Lugo para acompañar ao sector gandeiro que se mobiliza diante do edificio multiusos da Xunta de Galicia para denunciar un acordo que impón condicións moi duras ao campo galego”. Fernández incidiu en que se trata dun tratado no que, segundo afirmou, “o Partido Popular ten unha responsabilidade directa, xa que goberna tanto en Europa como en Galicia e impulsa acordos que danan un sector estratéxico para o país”.
Neste contexto, o deputado nacionalista foi taxante ao asegurar que “o BNG non vai apoiar ningún acordo deste tipo, que sitúa ao noso campo nunha clara posición de inferioridade fronte a terceiros países e ignora os intereses das produtoras e produtores galegos”. “O campo galego non está en venda”, afirmou, engadindo que a formación seguirá apoiando as mobilizacións do sector en Lugo, Ourense, A Coruña e no conxunto do país fronte a uns acordos que, advertiu, poden supoñer unha redución moi significativa dos fondos europeos destinados á agricultura e á gandería.
Fernández sinalou tamén ao Partido Popular como principal responsable, acusándoo de manter un discurso diferente en Galicia respecto ao que defende nas institucións europeas, onde, segundo indicou, conta con capacidade de decisión na Comisión Europea.
Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, afirmou que o Executivo autonómico “comparte plenamente a preocupación” expresada por agricultores e gandeiros ante o acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur. Neste sentido, subliñou que a Xunta esixirá que calquera produto que acceda ao mercado español cumpra exactamente os mesmos requisitos e garantías que a produción propia, co obxectivo de evitar prexuízos para o sector primario galego.
Arias mantivo un encontro cunha delegación das asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, entidades impulsoras da mobilización convocada en Lugo contra o acordo comercial co bloque suramericano. Durante a reunión, trasladoulles que a Xunta solicitará ao Goberno de España a implantación de controis fronteirizos rigorosos para garantir que os produtos agroalimentarios procedentes de terceiros países cumpran os mesmos estándares de calidade, sanidade e benestar animal esixidos no ámbito comunitario.
No transcurso da reunión, o delegado territorial tamén avanzou que o Goberno galego pretende artellar unha fronte común coas organizacións profesionais agrarias fronte á proposta da Comisión Europea de reducir os fondos da Política Agraria Común. Arias advertiu de que este recorte chega nun momento especialmente delicado para o sector, no que estas axudas resultan máis necesarias ca nunca.
Neste contexto, lembrou que esta mesma semana terá lugar a primeira reunión da comisión de traballo específica sobre a nova PAC no seo do Consello Agrario, e insistiu en que a Xunta manterá a súa defensa dunha política agraria sólida, dotada de financiamento suficiente e con fondos diferenciados que permitan atender as necesidades reais do campo galego. Segundo advertiu, as propostas actualmente sobre a mesa poderían traducirse nun recorte de cando menos o 22% dos fondos destinados a Galicia, o que suporía unha perda aproximada de 80 millóns de euros anuais para o sector.