Gandeiros queiman rolos de palla en protesta polo acordo con Mercosur

Gandeiros e gandeiras intensificaron este mércores en Lugo as mobilizacións contra o acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, cunha nova xornada de protestas marcada pola queima de rolos de palla diante de distintas institucións públicas. Ás organizacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, concentradas na cidade desde o pasado luns, sumouse nesta ocasión o colectivo Gandeiras e Gandeiros Galegos Elas Eles.
Desde primeira hora da mañá, a partir das 11.00 horas, os manifestantes foron chegando de novo á contorna da sede da Xunta de Galicia en Lugo, mentres se incrementaba o número de tractores estacionados na Rolda da Muralla, ocupando boa parte do carril máis próximo ao monumento. Ao longo da mañá a mobilización foi gañando forza coa incorporación progresiva de máis vehículos agrícolas.
Os momentos de maior tensión producíronse coa queima dos rolos de palla en distintos puntos da cidade. O primeiro deles prendeu fronte ao edificio administrativo da Xunta, o que obrigou a interromper de novo o tráfico nun amplo tramo da Rolda da Muralla e xerou importantes problemas de circulación nas rúas próximas. Posteriormente, outro rolo foi queimado diante da Deputación Provincial, coincidindo coa celebración no interior do pleno de toma de posesión da nova presidenta, Carmela López, mentres no exterior os manifestantes coreaban consignas contra o pacto con Mercosur.

A protesta continuou coa queima dun terceiro rolo de palla diante da Subdelegación do Goberno, na praza de Armañá, como mostra de rexeitamento ás tres administracións ás que os participantes acusan de “traizoar” o sector primario.
O presidente da asociación Elas Eles, Adrián Riadigos, explicou que Lugo foi unha das paradas desta mobilización, tras accións similares en Ourense e A Coruña. Riadigos cualificou de “demagóxica” a presenza de cargos do PP nalgunhas protestas e criticou que o presidente da Xunta “ofreza os portos galegos como porta de entrada a Europa”.
O responsable do colectivo pediu desculpas polas molestias causadas á veciñanza e agradeceu o apoio recibido. Ademais, anunciou que o domingo 18, ás 12.00 horas, convocarán unha concentración pacífica a pé diante da Xunta para informar á cidadanía das consecuencias do acordo, advertindo de que a entrada de produtos de Mercosur afectará á calidade alimentaria nos supermercados galegos.
Os manifestantes insisten en que os principais prexudicados serán os consumidores, ao permitir a entrada de produtos tratados con fitosanitarios e hormonas prohibidas na Unión Europea. Riadigos tamén respondeu ás valoracións doutros sindicatos agrarios que ven o acordo como unha oportunidade, asegurando que a mobilización non persegue axudas económicas nin subvencións, senón a defensa do actual modelo produtivo.
Por último, avanzou que o sector prepara unha nova manifestación en Santiago de Compostela o vindeiro día 25, á que tamén está prevista a chegada de tractores desde distintos puntos de Galicia.