Goberno acollerá o 17 de maio a terceira Xuntanza do Rural con actividades para todas as idades

LugoXa | TerraChaXa
A entrega de tíckets terá lugar o domingo 26 de abril na antiga escola, en horario de 12:30 a 13:30 horas
xuntanza-do-rural-goberno
24 Apr 2026

O Campo da Festa de Goberno, no concello de Castro de Rei, será o escenario o vindeiro 17 de maio da terceira edición da Xuntanza do Rural, unha cita festiva que busca consolidarse como un punto de encontro para a veciñanza e poñer en valor o medio rural.

A xornada desenvolverase nun espazo cuberto con carpa e contará cun programa que combina música, gastronomía e actividades lúdicas. As actividades comezarán ás 13:30 horas cun vermú amenizado por Verónica Cambón, no que tamén haberá corte de xamón de porco celta dentro do programa “Un gusto de rural, un rural de gusto”, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Posteriormente, ás 14:45 horas, celebrarase o xantar popular, cun menú que inclúe xamón de porco celta, empanadas de liscos e atún, paella, ademais de sobremesa, bebida, café e licores. Pola tarde, a música continuará cunha sesión a cargo de Verónica Cambón entre as 17:00 e as 19:00 horas.

A programación complétase con actividades gratuítas dirixidas ao público infantil, organizadas por Total Sport, co obxectivo de facilitar a participación das familias ao longo de toda a xornada.

A organización tamén informou de que a entrega de tíckets terá lugar o domingo 26 de abril na antiga escola de Goberno, en horario de 12:30 a 13:30 horas. O prezo será de 20 euros para adultos socios e de 10 euros para menores de 12 anos, mentres que para os non socios ascenderá a 30 euros.

A Xuntanza do Rural está organizada pola Asociación Veciñal de San Martiño de Goberno, coa colaboración do Concello de Castro de Rei, a Deputación de Lugo e a Asociación de Criadores da Raza Porco Celta, nunha iniciativa que pretende reforzar a convivencia e dinamizar a vida social no rural.

0.11936807632446