Gran parte do proxecto de humanización de Santo Domingo executarase antes de Nadal, según o Concello de Lugo
O Concello de Lugo vén de aprobar o Modificado da obra de humanización de Santo Domingo. O documento recolle as variacións que foi necesario introducir atendendo a circunstancias sobrevidas que se produciron no transcurso do proxecto como foron as conclusións do estudo estrutural unha vez que se realizaron os ensaios na fase de obra sobre a capacidade de resistencia dos estacionamentos soterrados ou a aparición de achados arqueolóxicos, así como para atender a outros cambios, considerados non substanciais, entre os que figuran a escavación manual para retirar e conservar pedras singulares ou a poda dos camelios existentes o que servirá para protexer o arboredo da parte inferior da praza ao tempo que se gañan novos metros cadrados de espazos verdes.
Tal e como xa se avanzara, o importe dos traballos enmarcados no Modificado ascenden a un total de 315.736 euros sen que esta circunstancia implique un encarecemento sobre o prezo de licitación manténdose por debaixo do custo inicial previsto. A empresa adxudicataria disporá agora dun prazo de 5 meses para levar a cabo os labores restantes, que deberán estar finalizados o 23 de marzo de 2025, aínda que a previsión é que o groso das tarefas, especialmente aquelas que levan consigo maiores limitacións para a mobilidade peonil, estean executadas antes do período de Nadal.
Deste xeito, o persoal técnico municipal, en colaboración coa dirección de obra, deseñou unha planificación para os próximos meses que pretende conciliar o uso comercial e recreativo que se concentra nesta contorna coas necesidades de materialización da propia obra para que a mesma poida avanzar e rematar canto antes, de maneira que permanecerán operativos tres equipos de traballo en simultáneo. Así, dentro do cronograma establecido continuarase coa instalación de servizos na zona comprendida entre as rúas da Raíña e Progreso, de xeito que se agarda que esta superficie estea formigonada antes de que remate o ano para permitir, posteriormente, a colocación da pedra unha vez remate o Nadal.
De forma paralela, seguirase coa pavimientación da zona inferior no tramo comprendido entre as rúas da Raíña e Armanyá e iniciarase a execución dos traballos nas zonas verdes coa demolición de pavimentos na superficie a ampliar onde se instalará nova iluminación baixo criterios de perspectiva de xénero, alén de renovarse os sistemas de rega e de recollida de augas pluviais entre outros cometidos. A previsión é que antes de que finalice decembro o pavimento xa estea colocado nese treito e a nova zona verde poida estar delimitada para concentrar dentro dela os labores, conservándose igualmente o espazo reservado á circulación peonil e rodada na súa ubicación actual, pegado ao Convento.
Por outra parte estímase que nestas datas os arredores do monumento ao Bimilenario xa estean formigonados só pendentes de pavimentar. O Goberno local explicou que as previsións temporais que se manexan oriéntanse a que nas primeiras semanas de 2025 se poida abordar a fase final do proxecto coa demolición do pavimento, a instalación de servizos e a repavimentación na superficie comprendida entre a zona verde e o Convento así como a execución do carril que resta na rúa do Teatro. A vontade é coordinar todas as medidas necesarias para axilizar o máximo posible os traballos que restan para concluír a rexeneración da Praza de Santo Domingo, facilitando a convivencia de usos no Centro Histórico e unha maior comodidade para a poboación, tendo en conta tamén a importancia que a época festiva de Nadal ten para a dinamización económica e social da cidade.