Grupo de teatro Bengala: “As nosas obras son unha viaxe vivencial para o espectador”

Jessica Fernández
“O espazo do teatro é o lugar perfecto para facer unha reflexión conxunta entre elenco e espectador no que saiamos con máis preguntas coas que entramos”. Andrea Maseda e An González presentan esta tarde de domingo, 16 de febreiro, a súa obra En carne viva, unha obra de teatro físico na que durante 50 minutos, público e intérpretes levarán a cabo unha viaxe que busca “emocionar e impactar, tanto física como psicoloxicamente co fin de conseguir un espertar reflexivo e que quen nos veña ver saia remexida por dentro e coa sensación de que estivo nun espazo que lle traspasou”, destacan.
As promotoras deste novo grupo de teatro na cidade de Lugo son profesionais do teatro físico, que conxuga texto e movemento, así como tamén teatro, elementos audiovisuais, danza, música... mentres que reflexiona “sobre temas socias a través da arte”. Así, destacan que a convicción no proceso de creación é “ser paridoras de preguntas. Vivimos nun mundo moi convulso e hai que falar diso, e a arte ten que ter un papel nesa reflexión”.
Así, a través do teatro físico queren chegar á sociedade lucense, ensinando esta disciplina nova para Lugo: “O teatro físico non debe confundirse co teatro danza, xa que este ten momentos de danza e momentos de texto, pero o teatro físico é un xénero en si mesmo no que o texto se mestura co movemento nunha sinerxia constante. Aquí trabállase todo con secuencias de accións físicas con texto, polo que todo ten un sentido, non son partes separadas, senón que o movemento vén da emoción que xera o texto”, explican.
AS ARTISTAS E BENGALA
As dúas Andreas destacan polo seu compromiso co teatro e a sociedade, e con este compromiso decidiron poñer en marcha o seu proxecto en Lugo. Andrea Maseda estudou Comunicación Audiovisual e o mestrado en Xestión Cultural para logo traballar en diferentes proxectos sociais e educativos, ata que un día “se cruzou no meu camiño o teatro e empecei como actriz para quitarme os medos escénicos; era como unha ferramenta persoal. Despois, coñecín a Andrea e ensinoume o teatro físico e namorei. Así, empezamos a traballar xuntas e, como tiñamos un obxectivo común e a mesma forma de facer as cousas, decidimos poñer en marcha este proxecto xuntas”. Pola súa parte, An González destaca que sempre quixo ser bailarina, polo que marchou a Madrid a estudar a Carreira de Artes e Danzas, pero por erro escolleu a especialidade de teatro físico, do que tamén namorou, polo que cambiou o seu rumbo e seguiu estudando interpretación e dramaturxia. “Estiven en Londres nunha compañía de teatro físico e logo marche a Arxentina a facer un mestrado de Xestión Cultural mentres que me formaba en danza e teatro, ata que volvín a Lugo e cruceime con Andrea”, argumenta.
Con esta motivación por crear o seu propio proxecto, nace Bengala, un nome que elixiron despois dunha gran busca dun termo que definise o seu tipo de teatro. “Bengala marabillounos porque son eses instrumentos para dar luz nos lugares máis escuros; polo que é unha alegoría do que queremos facer co teatro. Queremos presentar temáticas en espazos nos que nos se adoitan falar desas cousas que son difíciles. Queremos propoñer preguntas e tamén dar esperanza a través da arte, co fin de chegar a un entendemento común”, explican.
Por iso mesmo, Bengala chega ao panorama cultural lugués como unha alternativa, xa que non había ningunha compañía de teatro físico. “Queremos diferenciarnos e mostrar a paixón por contar os problemas do século XXI sobre os que queremos reflexionar nun espazo para a mostra artística. Só a través da arte podemos achegarnos ás respostas, polo que crearemos obras que aporten á sociedade e que pode funcionar como unha catarse. Ademais, como obxectivo, queremos recuperar á xente nova, que veña ao teatro e que se enganchen ás nosas obras”.
UN CAMINO LONGO
Aínda que o camiño de Bengala comeza esta tarde coa representación no Auditorio Fuxan os Ventos de En carne viva, na que espera que o público participe e lle guste, seguirán representando e mellorando a obra, intentando levala a onde lles deixen para ofrecer ao público unha experiencia única nun espazo teatral. Por iso, sosteñen que “nós o que precisamos é que nos deixen ensinar o que facemos, que veñan vernos e confiar en nós para programarnos. Facemos un teatro necesario e necesitamos a oportunidade de ensinalo; é dicir, que nos abran a porta. E, despois, farémolo todo con moita disciplina, traballo e amor”, argumentan.
Ademais, destacan que van funcionar como cooperativa con Vórtice, polo que unha das actividades serán as representacións teatrais e outra será dar formación sobre distintas artes vivas a través de obradoiros para a mocidade, como alumnado de Secundaria e Bacharelato, con propostas como os concursos de artes vivas. “Nos institutos faremos un traballo de formación que combinaremos coa representación de pezas orixinais nos diferentes lugares nos que nos deixen ou nos inviten”, explican.
“A colaboración é necesaria para que os proxectos novos saian adiante”, polo que poñen en valor a axuda da Área de Cultura do Concello de Lugo para poder representar a súa primeira obra no novo auditorio, pero, sobre todo, agradecen a “todas as persoas individuais que nos están apoiando como poden: amigas, veciñas, familiares, artistas... que axudan a facer os vídeos, as fotos, os materiais... É moitísimo curro e fano só por crer no proxecto e confiar en nos, xa que estamos arriscando todo por isto, e o apoio dá alento para seguir. Estamos emocionadas con todo o que estamos recibindo”, conclúen.