Guillermo Cancelo, director e actor: “O feito de practicar o acto teatral é, por si mesmo, terapéutico”

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Falamos con Guillermo Cancelo, teatreiro sarriao e promotor de varias asociacións teatrais da provincia de Lugo.
Saindo do cerco Sarria
31 Dec 2023

Falamos con Guillermo Cancelo, teatreiro sarriao e promotor de varias asociacións teatrais da provincia de Lugo.

De onde vén e cando xorde a súa paixón polo teatro?

Pois cando era estudante na escola de Imaxe e Son en Ourense, aínda que facía as miñas cousas como realizador, sempre acababa sendo actor en moitas das curtametraxes que faciamos na escola, e iso fíxome achegarme e pensar sobre elo.

Como foron os seus inicios no teatro?

Xa en Barcelona sobre o ano 97, comecei a formarme en diversas escolas de teatro e a participar nalgunhas curtametraxes. O meu primeiro papel chegou nunha peza sobre textos de Lorca, no Festival Grec 98  e antes de virme de novo a Galicia, pois tiven a ocasión de poder traballar cun dos grandes directores deste país, como é Lluis Pascual, nunha montaxe que despedía unha das salas máis representativas do teatro europeo,  “El Teatre  Lliure”.

Cales son as Asociacións nas que participou á súa volta a Galicia?

Asociacións foron unhas cantas, a verdade, e aínda estamos aí. O primeiro grupo que promovín foi Hipócrita Teatro de Lugo, formado por alumnos da aula municipal do concello lucense, a cal dirixín dende o ano 2002 o 2010. A súa primeira actuación como grupo foi no San Xoán en Sarria, precisamente.

Rebuldeira Teatro tamén deu os seus primeiros pasos comigo. Ao abrigo da aula de teatro municipal de Sarria, que se mal non lembro, iniciou os seus pasos no 2009. Daquelas, o teatro en Sarria era algo máis ben residual, foron catro anos de crecemento exponencial.

Actuou en diversas series  de televisión. Gústalle máis actuar para a cámara ou para o público en directo?

Son formas distintas de traballar: a cámara está máis próxima a un, polo tanto cada cousa que fagas non escapa ao espectador por pequena que sexa. O teatro pide unha maior presenza do actor e todos os seus sensos.

O que si penso é que un actor con formación teatral pode adaptarse máis rapidamente ao traballo cinematográfico que un actor de cámara poida facelo no teatro, sen unha mínima formación. Moitos dos actores do cine de agora teñen dificultades á hora de falar, de vocalizar.

Por que decidiu ir por libre?

Pois pola necesidade de dar saída a diversos proxectos persoais. Naquel primeiro momento, no ano 2010, puxémonos a traballar Iria Acevedo e máis eu nunha montaxe de Teatro para Bebés, unha peza que tivemos a oportunidade de mover por moitos espazos teatrais de Galicia, así como no Culturgal en Pontevedra ou no Festival Internacional de Teatro para Bebés da Coruña. Os nenos desfrutaban moito do espectáculo, pero se viras as caras dalgún pai ou nai…

Que actuacións teñen agora mesmo en activo?

Eu, como compañía profesional, como Teatro do Miolo, estou agora mesmo cunha peza de creación persoal: Saíndo do cerco, unha comedia existencialista de dous maiores, das súas necesidades, motivacións e de como viven o final da súas vidas. Precisamente, estiven no Vicedo e na casa da cultura de Sarria.

Logo, as compañías amadoras, nas que desenvolvo a miña labor como director e, ás veces tamén como autor, pois nestas datas a tope ata fin de ano temos tres comedias.

Con Lume Escénico da Pontenova temos unha comedia de creación propia que leva por título Pontenova Fassion Wiii.

Co grupo Os Trocos Teatro de Castro de Rei seguiremos pola provincia ata rematar o ano coa montaxe Camping Gas. Con esta peza estamos conmemorando o décimo aniversario da escola municipal de Castro de Rei e decidimos remontar esta obra, aínda que tiven que adaptala a un novo reparto.

Con Borguete Teatro de Vilalba estaremos en decembro en varios concellos coa peza O Velorio.

Actúa só na provincia de Lugo?

Coas compañías amadoras pola provincia de Lugo principalmente, xa que son funcións dentro do circuíto amador da Deputación ou en xornadas de teatro municipal que organizamos entre os distintos concellos onde dirixo aulas formativas.

Por que é importante levar o teatro aos diferentes concellos da provincia?

O teatro é moi importante apoialo dende os concellos, pero tamén dende as administracións provinciais ou estatais: educación, sanidade, servizos sociais. Cando estamos inmersos na práctica do xogo teatral, fomentamos o noso crecemento afectivo e social, aumentamos a autoestima a empatía cos demais, a creatividade e, coa memorización de textos, melloramos a nosa capacidade cognitiva.

Eu sempre dixen que o teatro é mais importante que as matemáticas. Evidentemente, é unha maneira de falar, pero para o desenvolvemento do individuo o xogo teatral é básico. O teatro tiña que ser obrigatorio no ensino público. O acto teatral, o feito de practicalo é, por si mesmo, terapéutico; pasar un por distintas e diversas situacións na práctica teatral fai moitas veces que experiencias persoais pasadas que o mellor non foron ben resoltas, agora ao pasar por feitos similares nunha improvisación ou texto teatral, fan que moitas veces curemos o noso propio ser.

Eu falo disto, dende a propia experiencia con alumnos que pasaron por situacións difíciles na súa vida e coa práctica do teatro atoparon un verdadeiro bálsamo. Xa tiven alumnos con asperger, esquizofrenia, problemas conductuais, e o ben que fixo neles o teatro, foi moito. Eu dou obradoiros de carácter terapéutico no centro da Cruz Vermella con rapaces de dano cerebral.

Que é o que máis lle gusta do teatro?

A verdade é que fago moitas cousas e todas elas teñen o seu. Cando preparo un deseño dunha iluminación nun espazo que ten as condicións e os equipamentos adecuados e ves que a consegues como a imaxinaches, é un pracer; ou cando escribes unha escena e xa a estás vendo cos actores que a van interpretar.

Depende de para quen, igual non é moi agradable ver a un tipo partíndose de risa pola casa adiante ás tantas da mañá mentres escribe unha escena.

Como actor, é moi gratificante cando sentes a enerxía do público, cando sentes que está do teu lado, que o que estás facendo chega a esa persoa que está aí sentada observando.

Ten algún proxecto futuro en mente?

Estou con adaptacións de obras para distintas aulas, nas que os ensaios darán comezo despois das festas de Nadal. A nivel de proxecto persoal, non estou escribindo nada neste momento, pero... a cabeza non para.

Guillermo Cancelo
Horta  Cerdeiras A con director
0.20667195320129