Guntín acollerá un curso sobre o regulamento da produción ecolóxica nos sectores porcino e ovino-cabrún
Agacal, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza un curso sobre o novo regulamento da produción ecolóxica nos sectores porcino e ovino-cabrún.
O curso sobre o sector ovino-cabrún terá lugar o vindeiro mércores 13 na Casa da Cultura de Guntín, en horario partido de 10:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 18:30 horas.
Así, esta xornada están dirixidas a todos aqueles interesados en desenvolver a súa traxectoria nos sectores porcino e no ovino-cabrún. Nesa liña, estudarase o mercado existente ao respecto e axudarase a comprender as posibilidades de comercialización, así como as novas tendencias e demandas dos consumidores. A maiores, darase a coñecer o novo regulamento sobre a produción ecolóxica e etiquetado dos produtos ecolóxicos.
Cunha duración total de sete horas, en concreto pola mañá tratarase a produción ecolóxica e a evolución do seu consumo en Galicia, a nova normativa ecolóxica relacionada con estes sectores, a comunicación ambiental e o cálculo de pegada de carbono, así como o mercado da produción de carne ecolóxica de porcino e de ovino-cabrún. Xa pola tarde, realizarase unha visita práctica.
Os interesados poden inscribirse a través do formulario de solicitude de asistentes dispoñible en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021 e envialo ao correo electrónico ramon.jesus.lamelo.otero@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 981540262 para obter máis información.