Guntín celebra o éxito da XXIII Festa do Pemento de Mougán

LugoXa
A cita volveu poñer en valor un dos produtos máis representativos da horta galega e a importancia das producións amparadas por selos de calidade
Festa_Pemento_Mougan-Guntín-Lugo
29 Aug 2026

Guntín volveu render homenaxe ao seu produto máis emblemático coa celebración da XXIII Festa do Pemento de Mougán, unha cita organizada polo Concello que reuniu esta fin de semana a veciñanza e visitantes arredor dun dos produtos máis recoñecidos da horta galega.

A celebración serviu para reivindicar o valor do Pemento de Mougán e o potencial do sector hortícola en Galicia, así como a importancia de contar con produtos amparados por selos de calidade diferenciada. Entre eles atópase a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pemento de Mougán, que contribúe a identificar e poñer en valor esta produción propia do municipio de Guntín.

A xornada contou coa presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen destacou durante a súa participación na festa a relevancia das producións vexetais de calidade. Galicia conta actualmente con oito IXP de produtos de orixe vexetal, cinco delas vinculadas á produción de pementos.

Gómez puxo tamén o foco no apoio da Xunta a este tipo de producións. Neste sentido, lembrou que a Consellería do Medio Rural destina este ano máis de 10 millóns de euros ao Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dous millóns máis que en 2025.

Segundo explicou, estas axudas teñen como finalidade reforzar a promoción das producións certificadas, mellorar o seu posicionamento nos mercados e incrementar o valor xerado tanto para os produtores como para o conxunto do rural galego.

A Festa do Pemento de Mougán consolídase así como unha das principais citas gastronómicas e de promoción do produto local de Guntín, contribuíndo a dar visibilidade a unha produción que forma parte da identidade do municipio e da riqueza agroalimentaria de Galicia.

0.14689111709595