Guntín estuda renovar a súa praza dentro do plan Hurbe

LugoXa
A Consellería de Medio Ambiente estuda colaborar na humanización da praza do Concello de Guntín, ao abeiro do plan Hurbe
concello guntin
concello guntin
10 Xul 2022

O Concello de Guntín podería renovar a súa praza ao abeiro do plan Hurbe. Así o explicou o Executivo logo de abordar, coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, incluír esta actuación nese programa de mellora.

Este proxecto enmarcaríase nesta liña de subvencións que xa financiou obras neste concello lucense -por un importe de case 100.000 euros- como a urbanización e mellora da accesibilidade das instalacións deportivas municipais ou a reforma da piscina municipal.

Ademais, este municipio tamén mellorou a senda desde Tosende, en Ferroi, pasando por Areas e Brea, en A Mota, ata Barrio, en Mosteiro, finalizando en Francos, con cargo ás axudas a concellos en Reserva de Biosfera, que cada ano convoca esta Consellería. A maiores, tamén se realizou a rehabilitación da nave de almacenamento coa liña de financiamento destinada a corrixir impactos paisaxísticos en inmobles e equipamentos municipais.

Hai máis dunha década que o Goberno galego impulsa o plan Hurbe co obxectivo de brindar o seu apoio ás entidades locais na execución de actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas, e que este ano conta cun orzamento reservado de 7 millóns de euros.
Neste sentido, cómpre subliñar o compromiso do Goberno galego á hora de brindar apoio aos concellos para promover proxectos que contribúan a dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

0.19800209999084