Guntín pon en marcha CampaGuntín, un obradoiro infantil de verán para favorecer a conciliación das familias

O Concello de Guntín volverá ofrecer este verán unha alternativa de ocio educativo para a infancia coa posta en marcha de CampaGuntín, un obradoiro infantil que se desenvolverá entre o 29 de xuño e o 28 de agosto e que busca combinar diversión, aprendizaxe e convivencia durante o período estival.
A actividade está dirixida a nenas e nenos a partir de 3 anos e terá como escenario principal o Pavillón Municipal, onde os participantes poderán desfrutar cada mañá dun amplo programa de actividades adaptadas ás diferentes idades.
Durante as xornadas organizaranse propostas deportivas, xogos ao aire libre, actividades recreativas, visitas ao parque, sesións de piscina e outras iniciativas orientadas a fomentar hábitos saudables, a creatividade e a socialización entre os máis pequenos.
O campamento desenvolverase en horario de 10:00 a 14:00 horas e contará cun sistema de inscrición semanal, o que permitirá ás familias adaptar a participación ás súas necesidades de conciliación durante os meses de verán.
Desde o Concello destacan que CampaGuntín pretende ofrecer un espazo seguro e dinámico no que a infancia poida gozar das vacacións escolares a través de actividades lúdicas e educativas, ao tempo que se facilita a organización familiar durante este período.
As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar as inscricións a través do teléfono 982 32 00 01.