Haberá só un contrato para o servizo de vixilancia e control de acceso en dependencias municipais de Lugo

LugoXa
A posta en marcha deste novo servizo suporá un investimento de 1.933.695 euros e terá unha duración de tres anos prorrogables ata dúas anualidades máis
Xunta-de-Goberno-local-Lugo-novembro-2024
6 Nov 2024

O Goberno local de Lugo unificará nun único contrato o servizo de vixilancia e control de acceso en dependencias municipais. Así, o Goberno local aprobou na Xunta de Goberno Local o prego de prescricións técnicas para a contratación do novo servizo de vixilancia que inclúe a Casa Consistorial, o Centro de Servizos Municipais, o Fogar do Transeúnte, o Cei-Nodus, Espazo Lab e as dependencias municipais do Parque da Milagrosa.

A posta en marcha deste novo servizo, co que se busca favorecer a contención do gasto municipal ao tempo que se melloran as prestacións, suporá un investimento de 1.933.695 euros e terá unha duración de tres anos prorrogables ata dúas anualidades máis.

“Na liña do que vimos facendo desde a miña chegada á alcaldía, apostamos por  agrupar os máximos servizos posibles nun só contrato para xerar un importante aforro económico parar as arcas municipais. A unificación de prestacións baixo un único contrato permite acadar unha mellor efectividade orzamentaria, algo que forma parte da política de eliminación do gasto superfluo que estamos a implementar desde o pasado mes de xaneiro”, sinalou a este respecto a alcaldesa.

Ademais, á hora de valorar as diferentes ofertas, teranse en conta aspectos como as horas anuais sen custo para o servizo de vixilancia nos edificios e instalacións municipais ou a formación das e dos traballadores en materias como o Soporte Vital Básico e primeiros auxilios, perspectiva de xénero aplicada á seguridade privada e procedemento de actuacións en caso de emerxencias. Do mesmo xeito, terase en conta aspectos como a habilidades sociais de atención ao público en igualdade e diversidade, preparación física ou defensa persoal do persoal.

De forma paralela a calidade dos recursos humanos, o Concello quere introducir elementos de vangarda tecnolóxica: “É necesario incorporar de forma progresiva ferramentas dixitais axeitadas quen aporten un maior grao de calidade e efectividade a este tipo de actividade. Deste xeito, o novo servizo poderá contar con ferramentas informáticas necesarias para o seguimento e control destes edificios públicos e que permita realizar inspeccións dos servizos realizados nos distintos inmobles e visualizar as incidencias en cada dependencia”, explicou Alvarellos.

0.12770390510559