Hostaleiros de Portomarín reclaman solucións ante os problemas recorrentes no abastecemento da auga

LugoXa
Representantes de 17 locais advirten do impacto que a situación pode ter na imaxe turística da vila e na experiencia dos visitantes
auga-traida-Portomarin
17 Jun 2026

Un grupo de hostaleiros pertencentes a 17 aloxamentos, bares e restaurantes de Portomarín decidiu unir as súas firmas para expresar de maneira conxunta o seu malestar pola situación do servizo de abastecemento de auga na capitalidade do municipio, unha problemática que, segundo sinalan, leva tempo repetíndose e que consideran prexudicial tanto para a veciñanza como para a actividade económica local.

Os empresarios explican que resulta difícil entender que un destino turístico da relevancia de Portomarín teña que convivir de forma habitual con episodios nos que a auga da rede pública presenta un aspecto turbio, escuro e cunha aparencia que, segundo indican, xera preocupación e desconfianza entre residentes e visitantes.

Segundo trasladan, os establecementos turísticos, hostaleiros e comerciais da localidade levan anos realizando importantes investimentos co obxectivo de mellorar as súas instalacións, modernizar os servizos e ofrecer unha experiencia de maior calidade ás persoas que visitan a vila. Sinalan que o traballo diario está enfocado a conseguir que peregrinos, turistas e viaxeiros leven unha boa impresión do municipio, pero consideran que ese esforzo perde valor cando a imaxe que reciben os visitantes non se corresponde coa calidade que un destino internacional debería ofrecer.

Os asinantes advirten de que a situación vai máis alá do impacto directo sobre os veciños. Durante a tempada alta, Portomarín recibe arredor de 2.000 peregrinos diarios procedentes de distintos países de Europa, América, Asia e Oceanía, persoas que posteriormente comparten as súas experiencias a través das redes sociais, blogs de viaxes ou plataformas de opinión. Neste sentido, consideran que unha percepción negativa pode estenderse rapidamente e afectar á reputación do municipio.

Os empresarios subliñan que o problema non se limita exclusivamente ao abastecemento de auga, senón que afecta á imaxe global de Portomarín, do Camiño de Santiago, da Ribeira Sacra e mesmo de Galicia como destino turístico. Defenden que a percepción dos miles de visitantes que pasan cada ano pola vila resulta clave para manter a súa posición como referente turístico, cultural e patrimonial.

Ao mesmo tempo, aseguran que a súa intención non é xerar confrontación, xa que recoñecen a complexidade que poden presentar determinadas infraestruturas e as dificultades derivadas da xestión de servizos públicos. Con todo, consideran que a situación require unha resposta clara, transparente e definitiva para evitar que episodios deste tipo continúen repetíndose.

Os asinantes sosteñen que non se debería asumir como algo normal unha problemática destas características nin aceptar que veciños e empresas teñan que convivir cunha situación de incerteza continuada. Ademais, lembran que Portomarín, recoñecido como un dos Pobos Máxicos de España, situado no corazón da Ribeira Sacra e protagonista dunha das etapas máis destacadas do Camiño de Santiago, merece proxectar unha imaxe acorde coa importancia que representa.

Conclúen sinalando que o municipio precisa dun servizo de abastecemento adaptado á súa relevancia, tanto para a veciñanza como para as empresas locais e para os miles de visitantes que escollen a localidade cada ano.

0.12980079650879