Hoxe desinfectan o exterior de centros de saúde en sete concellos da Mariña

TerraChaXa | LugoXa
A Xunta de Galicia, a través dos profesionais do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF), continauron onte coas tarefas de desinfección dos exteriores das residencias de maiores e dos centros de saúde en dez municipios lucenses do rural, cometido de limpeza extraordinario vinculado á situación de emerxencia por mor do coronavirus.
27 Mar 2020

A Xunta de Galicia, a través dos profesionais do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF), continauron onte coas tarefas de desinfección dos exteriores das residencias de maiores e dos centros de saúde en dez municipios lucenses do rural, cometido de limpeza extraordinario vinculado á situación de emerxencia por mor do coronavirus.

Na comarca de Lugo actuaron nos centros de saúde do Corgo, Friol, Rábade e Castroverde. Na Ulloa, operaron nos centros de saúde de Palas de Rei e Antas de Ulla. Na área da Montaña, despregáronse en Cervantes para desinfectar os exteriores do centro de saúde e en Becerreá para traballar na residencia de maiores do Cereixal. Tamén se desparzaron ao centro de saúde de Ribeira de Piquín.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que os profesionais do SPDCIF están a traballar na desinfección destas áreas rurais tan concorridas e nas que existe un risco superior de contaxio.

 Para executar estes traballos, os efectivos contan coa debida formación e con todo o material de protección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo as recomendacións sanitarias. Tamén dispoñen da maquinaria e dos produtos precisos para efectuar as desinfeccións.

 Cómpre lembrar que, a maiores, estes profesionais tamén se encargarán de vixiar as zonas de esparexemento no rural para garantir o confinamento e apoiar aos residentes en espazos illados, remotos ou de difícil acceso, incluído a posibilidade de colaborar no transporte de produtos como víveres ou material sanitario a zonas do rural galego.

 Con todo, a función principal deste corpo seguirá a ser a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar, unha cuestión que está garantida.

 Balseiro volveu a salientar o importante traballo que desenvolven os integrantes do Servizo de prevención e defensa contra os incendios da Xunta e a súa profesionalidade e disposición de servizo público.

HOXE

Os profesionais do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF) proseguen hoxe coas labores de desinfección dos exteriores das residencias de maiores, das de discapacitados e dos centros de saúde de municipios da provincia de Lugo con menos de 5.000 habitantes.

Nesta xornada están previstas actuacións en 17 concellos. En concreto, na comarca de Lugo os efectivos seguirán a traballar nos centros de saúde de Rábade, Castroverde, O Corgo e Friol. Así mesmo, desprazaranse aos centros de saúde de Meira, Pedrafita do Cebreiro e Baralla, e neste último concello operarán tamén na residencia de maiores.

 Tamén están programadas para hoxe tarefas de desinfección en tres concellos da Zona Sur (Bóveda, Sober e Taboada) e sete da Mariña (Ourol, O Vicedo, Xove, Barreiros, Lourenzá, A Pontenova e Trabada).

0.097783088684082