Hugo Bal García destaca o rebezo como base da dieta dos cazadores-recolectores na Serra dos Ancares hai 17.000 anos

Unha nova investigación no xacemento de Valdavara 1, en Becerreá, analiza as estratexias de subsistencia dos cazadores-recolectores que habitaron a Serra dos Ancares durante o final do Paleolítico superior, hai uns 17.000 anos, e destaca a relevancia do rebezo na súa dieta.
O estudo, liderado por Hugo Bal García do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da USC e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), foi publicado na revista internacional Journal of Archaeological Science: Reports co título ‘Zooarchaeological study of the Magdalenian sequence of the Valdavara 1 site (Becerreá, Lugo, NW Iberia)’.
O traballo analiza máis de 2.000 restos fáunicos recuperados nos niveis 4-6 do xacemento, con antigüidade aproximada entre 18.720 e 16.680 anos. Nese período, tras o Último Máximo Glacial, varios grupos sucesivos de cazadores-recolectores, probablemente procedentes do Cantábrico e con tecnoloxía magdaleniense, elixiron a pequena cavidade de Becerreá como refuxio para actividades diarias como a preparación de ferramentas líticas, a realización de fogares e o consumo de animais, explica Bal.
O estudo permite coñecer a dieta cárnica destes grupos humanos, que se centraban en capturar presas da contorna inmediata, co rebezo como principal sustento. No xacemento de Valdavara, este animal representa máis do 40 % dos restos identificados, superando ampliamente a outras especies como cervos, uros, cabalos, xabarís, lobos, raposos, osos pardos, mustélidos, coellos e lebres.

Ademais, non foron só os humanos os que contribuíron á formación do xacemento. O estudo identificou a intervención doutros tres axentes: lobos, raposos e osos, que empregaron a cova como cubil durante as épocas nas que ausentábanse os cazadores-recolectores, achegando presas e interactuando cos refugallos humanos, como evidencian as superposicións de marcas de corte e mordeduras de pequenos carnívoros.
A investigación contou coa colaboración de Carlos Fernández Rodríguez (ULE), Manuel Vaquero (URV/IPHES), Elvira Susana Alonso Fernández (URV/IPHES) e Ramón Fábregas Valcarce (USC/CISPAC), enmárcase nun proxecto máis amplo sobre a ocupación das Serras Orientais de Galicia e recibiu financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación. As escavacións na cova de Valdavara realizáronse entre 2007 e 2013 co apoio do Concello de Becerreá.
HUGO BAL
Hugo Bal, graduado en Historia, e cun mestrado en Arqueoloxía, leva desde o ano 2020 estudando este xacemento como parte da súa tese, que tiña como obxectivo estudar a fauna de todos os xacementos galegos con rexistro do Pleistoceno Superior, que son tres: Valdavara, Cova Eirós, en Triacastela, e Cova da Valiña, en Castroverde. "No caso de Valdavara había traballos moi superficiais, moi plantexados desde unha óptica universitaria e non científica. Entón, consideramos incluilo”, explica.
Di que a investigación sobre a fauna dos xacementos galegos do Pleistoceno Superior (entre 100.000 e 10.000 anos) sempre estivo "incompleta" e, no caso de Valdavara 1, "a investigación da parte faunística nunca se rematou de levar a cabo. Fíxose un intento de sacalo adiante cun traballo de fin de máster en Tarragona, pero non estaba publicado a nivel científico e quedaba revisalo". Por iso, decidiu levar a cabo este traballo, que realmente comezou en 2024, xa que o material estaba en Tarragona. "Fixen unha estadía durante un mes, no que me pechei no laboratorio para estudar os máis de 2.000 restos que hai”, comenta o investigador.
Pero a investigación non se limitou ao laboratorio. “Despois, fun ao xacemento para entender o contexto do que estaba estudando. O tipo de cova que hai inflúe moito no tipo de restos que se analizan. De feito, no estudo, unha das cousas que dicimos é que a fauna seguramente non a procesaban alí, senón fóra da cova, ou nunha das outras cavidades que hai na zona. Non chega máis de 6 metros”, aclara.
Con respecto ao futuro, Hugo Bal quere seguir "sacando resultados", a pesar de ter a tese rematada e entregada. Así, di que seguirá investigando. O primeiro artigo que saquei de Valdavara céntrase no estudo os restos animais que hai e como foron explotados polos grupos humanos; e agora o meu proxecto a curto prazo é publicar un segundo artigo sobre a reconstrución paleoecolóxica; e tamén temos pendente sacar outro artigo máis centrado no conxunto industrial e artístico sobre restos animais, que hai ferramentas e colgantes recuperados no xacemento", sostén.
Ademais, fai fincapé en que tamén quere seguir investigando para poder publicar estudos sobre a Cova Eirós de Triacastela e "reivindicar A Valiña, porque desde os 2000 está moi descoñecida, e queremos reivindicar a súa importancia porque é un cubil de hienas en Castroverde e queremos seguir por esa liña", conclúe.