Humor e información sobre a Zona de Baixas Emisións de Lugo nunha actividade gratuíta en Santo Domingo

A praza de Santo Domingo de Lugo acollerá este venres, 16 de outubro, ás 18.30 horas, unha actividade gratuíta que combinará humor e información sobre a Zona de Baixas Emisións (ZBE). A iniciativa, impulsada polo Concello a través da oficina Europe Direct Lugo e cofinanciada pola Comisión Europea, busca achegar á veciñanza o funcionamento desta medida de reorganización do tráfico no casco histórico.
O encargado de animar a xornada será o cómico galego Miguel Bruneti, gañador de varios concursos de monólogos e cofundador de Disfrutona Comedy Club. O seu espectáculo abordará situacións da vida cotiá e fará referencia á forma de moverse e vivir na cidade.
A proposta incluirá tamén un punto informativo de Europe Direct Lugo, onde as persoas asistentes poderán resolver dúbidas sobre a ZBE, coñecer iniciativas relacionadas coa mobilidade sostible e informarse sobre a contribución dos fondos europeos Next Generation EU á transformación urbana.
Ademais, o público terá a posibilidade de cubrir voluntariamente un breve cuestionario para expresar a súa opinión e presentar propostas sobre os usos dos espazos públicos recuperados.
**Un período de adaptación ata setembro de 2027**
A Zona de Baixas Emisións entrou en vigor en Lugo o pasado 17 de setembro e conta cun período de adaptación de doce meses, ata o 18 de setembro de 2027, durante o que non se imporán sancións.
Este prazo pretende facilitar que a cidadanía coñeza progresivamente as condicións establecidas na ordenanza e se adapte aos cambios na circulación no ámbito do casco histórico.
Con esta actividade, Europe Direct Lugo aposta por achegar información sobre a mobilidade urbana e fomentar a participación veciñal nun proceso de transformación dos espazos públicos da cidade.