I Colori dell'Armonía ofrecerá o seu décimo concerto en Ribadeo este domingo
O domingo, día 25, o grupo I Colori dell’Armonia dará un novo concerto de música antiga. Como di o título ...e van dez, porque o de 2019 será o décimo consecutivo que este grupo (promovido na cidade portuguesa de Oporto pola ribadense Mariña García-Bouso) nos ofrece no verán ribadense. Como en anos anteriores, a Delegación de Cultura do Concello de Ribadeo inclúe na súa programación cultural un concerto destas características que, unha vez máis, conta coa inestimable colaboración da parroquia de Santa María do Campo.
I Colori dell’Armonia, formado por Mariña García-Bouso, o vigués Andoni Conde (violíns barrocos) e a ourensá Débora Valuja (clavecín), convida ano tras ano a outros músicos, instrumentistas e cantantes, que durante os últimos nove anos pasaron pola vila acompañando e reforzando á formación base do grupo.
Nesta ocasión, I Colori contará coa colaboración da portuguesa Inês Coelho (violonchelo barroco), que xa colaborara co grupo noutras ocasións, e a madrileña Carla Escuredo (frauta barroca de bisel) que visita por primeira vez Ribadeo e constitúe tamén a primeira vez que unha frauta se une ó grupo na localidade nestes dez anos.
Este concerto, que estará integrado por obras de J. Rosenmüller, G. Gabrieli, G. B. Fontana, G. Finger, A. Corelli, J. B. Boismortier e A. Vivaldi, terá lugar na Igrexa Parroquial de Ribadeo, ás 20:45 h.