Icomos alerta de incumprimentos na protección da Muralla de Lugo

LugoXa
O informe alerta que as administracións implicadas non solicitaron estudos de impacto patrimonial nin autorización ningunha da Unesco respecto das actuacións
pasarela-san-roque-muralla-de-lugo
1 Nov 2025

A plataforma Outro Garañón... na Muralla?, da que forma parte Adega, vén de recibir un informe de Icomos España no que se advirte do incumprimento do protocolo que deben seguir as administracións responsábeis nas actuacións que afectan a bens declarados Patrimonio da Humanidade. O documento foi remitido ás diferentes administracións competentes, logo dunha solicitude de información da plataforma cidadá.

A petición da plataforma centrábase en coñecer se determinadas actuacións realizadas ou previstas no Carril das Flores, tramo do Camiño Primitivo de entrada ao recinto histórico de Lugo, debían ser sometidas á avaliación de Icomos. Entre as intervencións citadas figuran a modificación puntual do PEPRI no quinteiro 214A (xaneiro de 2019), o proxecto de urbanización do mesmo quinteiro (outubro de 2021), así como o proxecto de modificación de estrutura e o proxecto de reurbanización do Carril das Flores, ambos en proceso de contratación.

En resposta á solicitude, Icomos España emitiu un informe no que se recolle o protocolo que deben seguir as administracións responsables na tramitación de actuacións que afecten aos bens lucenses incluídos na Lista do Patrimonio Mundial, como o Camiño de Santiago e a Muralla Romana de Lugo, así como nas súas áreas de protección ou “áreas buffer”.

O informe alerta do incumprimento das normas procedementais establecidas, xa que as administracións implicadas non solicitaron estudos de impacto patrimonial nin autorización ningunha da Unesco ou de Icomos respecto das actuacións mencionadas. Ademais, advirte do risco que isto supón para a conservación e integridade dos bens inscritos na Lista do Patrimonio Mundial.

Ante a gravidade dos feitos e co obxectivo de que se adopten medidas para emendar a situación e evitar novas irregularidades, Adega remitiu o informe ao Concello de Lugo, á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Cultura do Goberno de España. Con esta acción, a organización ecoloxista busca garantir o mantemento das declaracións da Unesco que protexen o valioso patrimonio lucense.

⚙ Configurar cookies
0.072091817855835