Impulsan a mellora da rede de alumeado público en Lugo cun mantemento das farolas

LugoXa
O Goberno local aposta pola conservación e modernización do sistema de iluminación para garantir funcionalidade e valor estético
mantemento-alumeado-público-Lugo
18 Mar 2026

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que o Goberno de Lugo continúa a desenvolver novas actuacións destinadas á mellora da imaxe da rede municipal de alumeado público, mediante traballos de mantemento e reacondicionamento das farolas en distintos puntos da cidade.

Segundo explicou o edil, “estamos a actuar no reacondicionamento das farolas, unha intervención que permitirá garantir o bo estado destes elementos, especialmente no casco histórico, onde ademais de cumprir a súa función de iluminación teñen un importante valor estético e contribúen á imaxe da vía pública”.

Penas destacou que esta actuación forma parte dun traballo continuado no tempo, xa que se trata dunha tarefa de mantemento que se realiza de maneira periódica e que mellora notablemente a imaxe dun elemento urbano moi visible e presente en todas as rúas de Lugo.

O concelleiro lembrou tamén o esforzo realizado nos últimos anos na modernización do alumeado público. "Desde a nosa chegada ao goberno levamos a cabo un importante investimento na renovación da rede, superando os 3 millóns de euros, apostando pola implantación de luminarias LED de baixo consumo que permiten reducir o gasto enerxético e mellorar a iluminación, diminuíndo as zonas escuras”.

Alexandre Penas subliñou que “continuamos a traballar na mellora dos barrios e dos accesos á cidade, contribuíndo a incrementar a calidade de vida das veciñas e veciños”, e lembrou que desde a área de Infraestruturas Urbanas “planificamos as actuacións atendendo ás demandas veciñais e mediante un traballo constante de visitas e seguimento sobre o terreo”.

0.12179279327393