Impulsan en Lugo unha nova zona verde que conectará os parques do Rato e do Miño
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, anunciaron un proxecto para unir os parques do Rato e do Miño, creando unha nova zona verde paralela ao río. Esta actuación levarase a cabo grazas á colaboración entre o Concello e a CHMS, que formalizarán un convenio para executar a obra.
Segundo explicou Alvarellos, o Concello cederá os terreos necesarios e a Confederación será a encargada da redacción e execución do proxecto, que posteriormente será transferido á administración local para o seu mantemento. A alcaldesa destacou que este proxecto permitirá mellorar a conectividade e culminar o “cinto verde” da cidade, acondicionando un dos espazos de lecer máis valorados pola cidadanía. “É unha gran noticia para Lugo e un dos nosos obxectivos de goberno”, subliñou.
Pola súa parte, Quiroga salientou a importancia de poñer en valor a contorna fluvial da cidade, permitindo que os lucenses gocen deste espazo mentres se promove a súa conservación. O proxecto suporá un investimento duns 200.000 euros e incluirá, entre outras actuacións, a creación dunha nova senda de 600 metros paralela ao río e melloras na biodiversidade e na protección ambiental da zona.
Esta nova senda permitirá conectar os parques do Rato e do Miño, completando un itinerario de máis de 30 quilómetros de rutas que percorren a contorna natural de Lugo, o que suporá unha mellora significativa na mobilidade periurbana e no disfrute dos espazos naturais da cidade.