Inaugurada a III Feira de Educación, Formación e Emprego no Pazo de Feiras e Congresos

A cidade de Lugo acolle a terceira edición da Feira de Educación, Formación e Emprego, un encontro que se desenvolve durante esta xornada e mañá, 18 de marzo, no Pazo de Feiras e Congresos e que volve converter a capital lucense nun espazo de referencia para estudantes, centros educativos e entidades académicas.
Esta terceira edición reúne 42 expositores, entre eles 23 centros públicos de educación galegos, das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, a Universidade Intercontinental da Empresa, a Universidade Europea de Madrid e a Uned. Así mesmo, xunto a Escola de Imaxe e Son da Deputación teñen presenzas outros centros como a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, a Escola de Idiomas o los Conservatorios profesionales de Danza e de Música de Lugo, que ofrecerán actuaciones a cargo do seu alumnado.
Durante estas xornadas, as persoas asistentes teñen a oportunidade de coñecer diferentes itinerarios educativos e recibir información sobre as distintas opcións dispoñibles, tanto no ámbito universitario como na formación profesional.
O alumnado do Centro de Formación Audiovisual da institución provincial participa cun posto na feira no que ofrecen información e asesoramento sobre os Ciclos Superiores de Realización de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos e o de Produción Audiovisuais e Espectáculos.
Ademais, os estudantes permiten ao público experimentar coa imaxe e o son mediante entrevistas e gravacións en directo, achegándose en primeira persoa á práctica profesional do sector audiovisual.
Carmela López destacou que iniciativas como esta son fundamentais “para que mozos e mozas poidan definir o seu futuro académico e laboral, coñecendo a ampla oferta educativa das diferentes ensinanzas, nun evento que combina información, orientación e experiencias prácticas”. Animou aos asistentes “a coñecer a oferta formativa que ofrecemos desde a Escola de Imaxe e Son, único centro público na provincia de Lugo que imparte ensinanzas no audiovisual e desde un enfoque eminentemente práctico”.
Por outra banda, desde a Tenencia de Alcaldía colaborouse coa organización da cita facilitando o acceso ao recinto mediante o servizo de autobuses urbanos. O obxectivo desta medida é permitir que o alumnado dos diferentes centros educativos da cidade poida desprazarse con maior comodidade ata o Pazo de Feiras e Congresos e participar nas actividades programadas.
O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, destacou a relevancia desta iniciativa e sinalou que “este tipo de eventos resultan fundamentais para orientar ás mozas e mozos nun momento decisivo da súa vida académica e profesional”. Ademais, engadiu que “desde o Concello queremos facilitar que o maior número posible de estudantes poida asistir, e por iso poñemos á súa disposición o transporte urbano”.
Con esta nova edición, a Feira de Educación, Formación e Emprego consolídase como unha cita destacada para o alumnado lucense, congregando cada ano a milleiros de visitantes interesados en descubrir as posibilidades formativas e profesionais ás que poden acceder unha vez rematada a etapa educativa obrigatoria.