Inaugurada a III Feira de Educación, Formación e Emprego no Pazo de Feiras e Congresos

A cidade de Lugo acolle a terceira edición da Feira de Educación, Formación e Emprego, un encontro que se desenvolve durante esta xornada e mañá, 18 de marzo, no Pazo de Feiras e Congresos e que volve converter a capital lucense nun espazo de referencia para estudantes, centros educativos e entidades académicas.
Durante estas xornadas, as persoas asistentes teñen a oportunidade de coñecer diferentes itinerarios educativos e recibir información sobre as distintas opcións dispoñibles, tanto no ámbito universitario como na formación profesional.
Esta terceira edición reúne 42 expositores, entre eles 23 centros públicos de educación galegos, das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, a Universidade Intercontinental da Empresa, a Universidade Europea de Madrid e a UNED. Así mesmo, xunto a Escola de Imaxe e Son da Deputación teñen presenzas outros centros como a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, a Escola de Idiomas o los Conservatorios profesionales de Danza e de Música de Lugo, que ofrecerán actuaciones a cargo do seu alumnado.
Conta, igualmente, cun expositor dos Polos de Emprendemento a cargo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e outro do Carné Xove, que posibilita a expedición inmediata do mesmo, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A feira permanece aberta hoxe e mañá e a previsión é que a visiten máis de 8.000 persoas.
O alumnado do Centro de Formación Audiovisual da institución provincial participa cun posto na feira no que ofrecen información e asesoramento sobre os Ciclos Superiores de Realización de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos e o de Produción Audiovisuais e Espectáculos.
Ademais, os estudantes permiten ao público experimentar coa imaxe e o son mediante entrevistas e gravacións en directo, achegándose en primeira persoa á práctica profesional do sector audiovisual.
Carmela López destacou que iniciativas como esta son fundamentais “para que mozos e mozas poidan definir o seu futuro académico e laboral, coñecendo a ampla oferta educativa das diferentes ensinanzas, nun evento que combina información, orientación e experiencias prácticas”. Animou aos asistentes “a coñecer a oferta formativa que ofrecemos desde a Escola de Imaxe e Son, único centro público na provincia de Lugo que imparte ensinanzas no audiovisual e desde un enfoque eminentemente práctico”.
Por outra banda, desde a Tenencia de Alcaldía colaborouse coa organización da cita facilitando o acceso ao recinto mediante o servizo de autobuses urbanos. O obxectivo desta medida é permitir que o alumnado dos diferentes centros educativos da cidade poida desprazarse con maior comodidade ata o Pazo de Feiras e Congresos e participar nas actividades programadas.
O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, destacou a relevancia desta iniciativa e sinalou que “este tipo de eventos resultan fundamentais para orientar ás mozas e mozos nun momento decisivo da súa vida académica e profesional”. Ademais, engadiu que “desde o Concello queremos facilitar que o maior número posible de estudantes poida asistir, e por iso poñemos á súa disposición o transporte urbano”.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou esta feira como “unha gran oportunidade para orientar á mocidade na escolla do seu futuro”. Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta salientou a importancia de ofrecer “unha orientación profesional integral para que os rapaces e as familias tomen decisións nunha etapa crucial das súas vidas”.
Con esta nova edición, a Feira de Educación, Formación e Emprego consolídase como unha cita destacada para o alumnado lucense, congregando cada ano a milleiros de visitantes interesados en descubrir as posibilidades formativas e profesionais ás que poden acceder unha vez rematada a etapa educativa obrigatoria.