Inaugurada a mostra A Ulloa. Fotografías Centrípetas
Coincidindo co Día Internacional das Mulleres Rurais, presentouse no Pazo de San Marcos a exposición A Ulloa. Fotografías Centrípetas, unha mostra comisariada por Patricia Coucheiro e Susana Varela e integrada no programa Mulleres Rurais da Rede Museística.
Esta exposición colectiva de 15 fotografías pon en diálogo diferentes olladas de mulleres ulloás sobre o seu propio territorios e as súas xentes, con imaxes que parten dunha reflexión, crítica ou posta en valor dalgún aspecto relacionado coa comarca da Ulloa.
A exposición, que se abrirá ao público o 26 de outubro, vai acompañada de textos que contextualizan cada unha das propostas fotográficas no seu marco de referencia, incorporando reflexións das autoras desde unha perspectiva social, histórica, pedagóxica e/ou territorial.
Neste proxecto iniciado pola sección de audiovisuais do IEU que coordina Patricia Coucheiro, a fotografía empregouse como medio de expresión para abrir á participación da veciñanza a actividade do instituto, compilando unha serie de propostas que testemuñan o autorrecoñecemento nas problemáticas e riquezas que a propia comarca ofrece aos seus habitantes. Bibliotecarias, gandeiras, mestras, estudantes, traballadoras do fogar, hostaleiras, deseñadoras, fotógrafas, muiñeiras,...son algúns dos perfís das mulleres que achegaron as súas imaxes á mostra.
A pegada humana no territorio, a simboloxía nas construcións relixiosas, a riqueza do bosque autóctono, o traballo manual como identidade, ou os oficios tradicionais, son algúns dos temas principais da exposición.. Ademais, as imaxes preséntanse en distintos formatos, como a videoproxección, fotografía postal, fotolibro, retrato ou mesmo collage.
A xerente da Rede Museística, Encarna Lago, subliñou a importancia de “visibilizar a través da arte os relatos das mulleres, afastados e silenciados nos espazos de creación”, destacando o labor de escoita e contacto permanente da Rede coa comunidade, “especialmente en días tan sinalados como o da conmemoración das mulleres rurais”.
Pola banda do Instituto de Estudos Ulloáns, a través das comisarias da exposición, explicaron “o valor antropolóxico da fotografía” mencionando a orixe “dun proxecto que protagonizan mulleres dos concellos de Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla, con diversos perfís, a meirande parte delas sen formación específica en fotografía pero con sensibilidades, experiencias vitais, necesidades e visión do mundo que merece a pena ver, ler e escoitar”. Neste senso, “presentamos esta mostra que vai moito máis alá das propias fotografías, recollendo a ollada de mulleres que habitan o rural e que participaron dun proceso enriquecedor para todos nós”.
PROGRAMACIÓN
A exposición, que poderá visitarse a partir do 26 de outubro, está integrada na programación “Mulleres Rurais” da Rede Museística, centrada en visibilizar a través da arte a contribución das mulleres do rural á configuración da sociedade. Así, no marco dese programa, nos vindeiros tres meses desenvolverase o proxecto Recolectoras. Memoria e terra,no que catro artistas de distintas disciplinas – Ana Gesto, performance; María Gar, artista gráfica e instalativa, Isabell Seidel, pintora e Andrea Torres, escultora - percorrerán os concellos do rural para “conversar a partir da arte contemporánea coas mulleres que configuran o seu territorio e a súa memoria” e crear, a partir desa experiencia compartida, distintas propostas artísticas.