Inaugurada no Vello Cárcere a exposición 'Mobiliario vestido' do escultor Piquico

LugoXa
A mostra poderá visitarse nas celas de mulleres ata o 28 de febreiro
exposicion-mobiliario-vestido
18 Jan 2026

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, inaugurou no Centro Cultural do Vello Cárcere a exposición Mobiliario vestido do escultor Piquico. A mostra, que trata sobre o entroido, poderá visitarse no Vello Cárcere ata o vindeiro 28 de febreiro. Piquico chega a Lugo tras estar presente con esta espocición en Monterrei, Ourense, Madrid (casa de Galicia), Chantada e Viana do Bolo, ademáis de formar parte da programación expositiva de distintas salas do Estado e de Portugal.

Mobiliario vestido pretende mostrar a continuidade entre corpo, roupa e moble. Representar unha conxugación entre o atávico da festa e a modernidade, xogando cos personaxes do entroido, o seu animalario, como a Mula ou o oso e os elementos típicos e simbólicos desta festa. O resultado son esculturas-personaxe “vestidas” de mobiliario ou ao revés - xa sexa unha mesa, un andel, un armario, unha lámpada, un pupitre escritorio, un botelleiro, unha cadeira, un espello, etc. en paralelo cos motivos do entroido.

As obras son basicamente figurativo-xeométricas nas que interesa a expresividade, a masa descuberta, a forma ou a anatomía. Pezas orgánicas, xogando co contraste da pura xeometría do mobiliario, o cubismo e a idea do corte, do ensamble, do bloque, ou do desbaste.

Piquico amosa nesta exposición dende o máis duro, o máis brando ou o máis áspero, xogando coa cor ou a textura provocados polas ferramentas e a forma. O material utilizado é sobre todo madeira de varios tipos, tamén lousa, pedra, mármore, granito, papel de parede, ferro, cobre, iluminación ou “ready-made” varios. A propia materia orgánica, xunto coas cristalinas transparencias ou o material lacado, simbolicamente contrapostos, tentan conciliarse e simbolizar o representado.

⚙ Configurar cookies
0.083505153656006