A XXVIII edición da feira de artesanía ArteSanFroilán abriu as súas portas na Praza Anxo Fernández Gómez, detrás do Concello de Lugo. A inauguración estivo presidida polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, a deputada de Cultura, Iria Castro, e autoridades locais, como o tenente alcalde e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro. A feira, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño, acolle este ano unha vintena de obradoiros artesáns, nos que predominan produtos feitos a man en cerámica, téxtil, coiro e madeira.
Os expositores ofrecen pezas únicas, que reflicten a creatividade e os novos camiños da artesanía lucense. Durante a inauguración, Efrén Castro convidou á cidadanía a visitar a feira, destacando que, tras vinteoito edicións, ArteSanFroilán é unha cita consolidada dentro das festas do San Froilán. Como é tradición, a participación dos obradoiros é gratuíta, brindándolles un escaparate perfecto para os seus produtos.
A feira estará aberta ata o 12 de outubro, en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas. Entre os obradoiros participantes destacan Senda Coiro, que traballa con curtido vexetal, e Regal Cerámica, con máis de 40 anos de traxectoria. Bolboretas de coiro, dirixido por Mercedes Buján, ofrece complementos únicos inspirados neste insecto. Outros talleres como Tres Caracoles e La Mosquita Muerta destacan polos seus deseños minimalistas e complementos de moda, respectivamente.
A feira tamén inclúe proxectos como Enxógate, especializado en xogos tradicionais, e Vidal Revilla, que traballa o coiro con técnicas tradicionais. Iria Pigueiras e o seu proxecto Imavi mesturan arxila polimérica con elementos naturais, mentres que obradoiros como Fonte Meimil, Amigurumis Jano e Portomañekos amosan a súa creatividade en complementos de coiro, bonecos de ganchillo e imaxinería festiva. Esta edición promete, unha vez máis, ser un punto de encontro entre tradición e innovación na artesanía galega.