Inauguran un novo Punto Violeta en Lugo

LugoXa
O obxectivo desta ampliación progresiva do servizo responde á vontade de fortalecer a rede de seguridade para as mulleres
Punto-Violeta-na-Dirección-Provincial-de-Muface
24 Out 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, acompañada pola xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, María Luisa Castro, inaugurou un novo Punto Violeta na Dirección Provincial de Muface de Lugo. O obxectivo desta ampliación progresiva do servizo responde á vontade de fortalecer a rede de seguridade para as mulleres que estean a sufrir violencia machista. As empregadas da oficina recibiron formación para seguir o protocolo indicado
no caso de que unha muller pida axuda neste espazo.

Isabel Rodríguez destacou que a inauguración destes puntos responde a un proceso de mellora progresiva incorporando a distintas entidades dispostas a actuar e contribuír á loita contra a violencia de xénero. Así mesmo, estes puntos servirán para facilitar información e materiais sobre como actuar ante un caso de violencia machista, así como os recursos dispoñibles para as mulleres que o precisan.

“Esta é unha das moitas medidas que está promovendo este Goberno, co firme compromiso de rematar cun problema estrutural que provoca desigualdades, discriminacións, agresións e asasinatos de mulleres no noso país”, subliñou a
subdelegada, incidindo en que “achegaremos todos os recursos ao noso alcance para non chegar tarde, para non lamentar ningunha perda máis”. Información e materiais No Punto Violeta que se habilitará nas oficinas provinciais de Muface atoparanse algúns materiais como guías de información sobre o procedemento de actuación, recursos para as vítimas ou explicacións sobre a detección dos distintos tipos de violencias.

A campaña de difusión e concienciación tamén conta con carteis e adhesivos cun código QR vinculado á Guía Punto Violeta. Esta inauguración forma parte dos actos que se están levando a cabo dende a Delegación e Subdelegacións do Goberno en toda a comunidade, xunto con outras accións que terán lugar nas vindeiras semanas.

0.20101094245911