Inaugúrase en Lugo un curso de verán centrado na prevención do risco cardiovascular

LugoXa
Preto de 60 estudantes de Enfermaría participan nunha formación que aposta pola promoción de hábitos saudables e a actualización científica en saúde cardíaca
Curso-verán-Prevención-Cardiovascular-Lugo
8 Jun 2026

A Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo vén de inaugurar un curso de verán centrado na prevención do risco cardiovascular, unha iniciativa formativa na que participan preto de 60 estudantes e que se desenvolverá ao longo de dúas xornadas.

O programa está organizado pola propia Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo e dirixido polo xefe do Servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), Carlos González Juanatey, xunto co xefe do Servizo de Atención Primaria de Monforte de Lemos, Rosendo Bugarín González. Na xornada inaugural tamén participou a directora da Escola Universitaria de Enfermaría, Pilar Penela Puga.

Ao longo do curso, o alumnado afondará en cuestións clave para a prevención cardiovascular, como a promoción de estilos de vida saudables, os obxectivos actuais da prevención cardíaca, a relación entre saúde mental e enfermidades cardiovasculares, o impacto da contaminación ambiental e a importancia do exercicio físico e da educación sanitaria.

A formación complétase con obradoiros prácticos centrados na anatomía cardíaca e no adestramento físico aplicado á prevención e á rehabilitación cardiovascular, cun enfoque multidisciplinar que busca achegar unha visión actualizada dos principais retos en saúde pública.

O curso reúne profesionais de referencia da sanidade galega co obxectivo de dotar o alumnado de ferramentas e coñecementos que lles permitan fomentar hábitos de vida saudables e contribuír á prevención das enfermidades cardiovasculares, unha das principais causas de mortalidade.

Na apertura, o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, destacou a importancia da prevención como ferramenta esencial para mellorar a saúde da poboación e puxo en valor o papel da formación e da divulgación científica.

Fernández subliñou que espazos como este permiten compartir coñecemento e actualizar evidencias científicas, ao tempo que defendeu a necesidade de achegar a saúde á cidadanía e impulsar unha provincia máis saudable e cardioprotexida, especialmente nun territorio extenso e diverso como o lucense.

0.12540507316589