Inaugúrase en Lugo unha exposición sobre a pandeireta galega

LugoXa
A mostra permite coñecer a historia e evolución dun instrumento ancestral até o 7 de xaneiro
exposicion-A-pandeireta-galega-Capela-Santa-María-Lugo
4 Dec 2025

A Capela de Santa María acolle a exposición 'A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral', organizada polo Consello da Cultura Galega e comisariada por Suso Vaamonde e Luciano Pérez.

A mostra permanecerá aberta ao público ata o 7 de xaneiro e ofrece unha visión completa da pandeireta como testemuño vivo da memoria cultural de Galicia.

A exposición achega instrumentos e paneis explicativos que afondan no labor de mestres artesáns, intérpretes e persoas estudosas, describindo a evolución dun instrumento que, sen perder a súa identidade, segue a medrar e reinventarse.

No marco da inauguración, celebráronse tres relatorios: Suso Vaamonde presentou os primeiros estudos acústicos da pandeireta, que pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia; Xosé Maceda centrouse nos arquetipos e técnicas construtivas do instrumento; e a profesora de música Mercedes Autrán falou sobre as pandeireteiras de Rois.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, agradeceu ao Consello da Cultura Galega e aos comisarios traer “a exposición a este espazo, xunto ao Centro de Artesanía e Deseño, un referente no estudo do noso patrimonio musical” e destacou a oportunidade de “concluir este ano, no que celebramos as cantareiras, cunha mostra sobre este instrumento desde unha perspectiva histórica e técnica”.

Castro subliñou que “o bo momento que está a vivir a música en galego, con artistas e grupos que reiventan a música tradicional, ten raíces, e esta exposición convida a coñecelas”.

⚙ Configurar cookies
0.088388204574585