Inaugurouse a escultura que homenaxea as persoas represaliadas durante a Guerra Civil e a dictadura franquista

LugoXa
A imaxe elaborada por Álvaro de la Vega está colocada na zona antiga do cemiterio, na parte central, ocupando un dos lugares máis destacados e visibles
escultura-homenaxe-cemiterio-municipal-Lugo
22 Nov 2024

O cemiterio municipal acolleu na xornada o acto de apertura ao público da escultura coa que o Goberno de Lugo, a través da Tenencia de Alcaldía homenaxea a todas as persoas represaliadas durante a Guerra Civil e a dictadura franquista.

O acto público celebrado nas instalacións do cemiterio realizouse no día seguinte do 49º aniversario da morte do ditador Francisco Franco, abrindo así un novo ciclo de lembranza e reflexión sobre as vítimas da represión franquista e a importancia da recuperación da memoria histórica.

Cristina López, concelleira responsábel do Cemiterio, afirmou que esta imaxe "non lembra só ás vítimas da represión, é un convite a toda a veciñanza a reflexionar sobre a importancia da memoria histórica, un piar básico para construír unha sociedade máis xusta e democrática".

A imaxe elaborada por Álvaro de la Vega está colocada na zona antiga do cemiterio, na parte central, ocupando un dos lugares máis destacados e visibles do cemiterio municipal de San Froilán.

O acto contou coa participación de figuras destacadas da cultura galega, como o músico Xosé Luis Rivas "Mini", encargado de abrir o evento cunha intervención musical, e con Claudio Rodríguez Fer e Carme Blanco, que realizaron lecturas poéticas de textos relacionados coa recuperación da memoria histórica. Ademais, o autor da escultura, Álvaro de la Vega, explicou o significado e a intención da súa obra.

O Goberno de Lugo convidou ao acto a todas as asociacións, colectivos e persoas individuais vencellados coa recuperación da memoria histórica, e contouse coa presencia de representantes de diversas asociacións e de numerosas persoas a título individual.

O acto rematou cun xesto simbólico onde as persoas asistentes recibirán cravos brancos, que serán depositados ao pé da escultura como mostra de respecto e recordo.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18851685523987