Indignación pola desaparición dos equipos femininos do Club Deportivo Lugo

As xogadoras dos equipos femininos A e B do Club Deportivo Lugo denunciaron publicamente a desaparición de ambas as dúas seccións tras ser informadas polos seus adestradores, e non pola nova directiva do club, segundo manifestaron nun comunicado conxunto.
"En ningún momento fomos informadas por parte da nova dirección do Club da desaparición do equipo feminino e fixérono tarde, sen deixarnos marxe para comezar pretempadas ou atopar un novo destino para a nosa traxectoria deportiva", sinalaron as futbolistas, visiblemente afectadas polo que consideran unha falta de respecto e transparencia.
As xogadoras cualifican como "unha vergonza" que en pleno 2025 "a primeira decisión importante dun club sexa desfacerse dunha sección que leva 6 anos traballando e compite en 3ª RFEF, cunha canteira recentemente ascendida a 2ª Galega".
Así mesmo, lamentan non ter tido “nin voz nin voto” nunha decisión que pon fin a un proxecto deportivo consolidado. “A nova dirección decidiu prescindir de nós sen darnos sequera unha explicación”, denuncian.
Reaccións divididas na cidade
O silencio institucional por parte do Club Deportivo Lugo, que non emitiu ningún comunicado oficial confirmando nin desmentindo a desaparición do equipo feminino, xerou aínda máis malestar entre as afectadas e a sociedade lucense.
Mentres algúns defenden a continuidade do equipo feminino como un investimento en igualdade, outros xustifican a decisión argumentando razóns económicas. “É lóxico, ninguén ía ver eses partidos”, expresaban algúns usuarios. Porén, as xogadoras responderon taxantes: “O feminino non era un gasto inasumible, era un proxecto mal xestionado e sen o apoio necesario desde dentro do club”.
Tamén subliñaron que máis alá da rendibilidade inmediata, o fútbol feminino representa “un investimento en igualdade, en futuro e na identidade do Club e da cidade”.
Para unha das adestradoras do equipo feminino, "é unha mágoa" perder a praza en 3ª RFEF, "xa que traballamos moito estes 6 anos, pero tamén foi unha sorte poder participar desta categoría e desde o Club fíxose un labor moi grande", defende. Así, di entender a postura das xogadoras, ás que nota "decepcionadas co feito e coa forma de proceder", pero mantén unha opinión mediadora, na cal entende que "o Club Deportivo Lugo é unha empresa e ten que facer recortes no momento actual".
Ademais, explica que desde a dirección xeral do club non pecharon a porta a volver contar co equipo feminino, senón que este estaría condicionado ao ascenso do primeiro equipo masculino, xa que xa de volta ao fútbol profesional, contaríase con máis orzamento para facer fronte aos gastos que supón manter o primeiro equipo, a canteira e o feminino.
CRÍTICAS DA VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN DE LUGO
Pola súa parte, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo amosou o seu desacordo coa decisión do Club Deportivo Lugo de suprimir os seus dous equipos femininos, unha noticia que trascendeu a través dos medios de comunicación.
O vicepresidente provincial, Efrén Castro, cualificou este cambio de rumbo por parte da nova directiva como “un tremendo paso atrás despois de seis anos de traxectoria da estrutura feminina, que vai contra o avance do deporte e da sociedade lucense cara á igualdade e que fai máis pequeno ao CD Lugo”.
Castro subliñou que entidades deportivas da relevancia do CD Lugo, que contan cunha capacidade económica, unha estrutura consolidada e unha importante masa social, teñen unha responsabilidade engadida como referentes para o resto dos clubs.
Neste sentido, cuestionou os argumentos económicos ou de falta de rendibilidade que se esgrimiron para xustificar a desaparición dos equipos femininos, lembrando que o CD Lugo xestiona “unha cantidade importante de recursos públicos de diferentes administracións, en función precisamente da súa relevancia e proxección social”.
O vicepresidente tamén puxo o foco no impacto negativo que esta decisión terá para as xogadoras que contaban con seguir ligadas ao club, así como para as rapazas das categorías de base de toda a provincia, que verán reducidas as súas opcións para continuar desenvolvendo as súas carreiras deportivas no fútbol feminino.